Programa de impulso democrático da Xunta de Galicia 2015-2016

A Xunta de Galicia considera necesario dar un impulso democrático ao país, no que a cidadanía sexa a protagonista mediante unha maior participación nos asuntos públicos. Para a consecución deste obxectivo, cómpre unha maior transparencia da actividade das Administracións públicas que posibilite a achega de información á cidadanía.

Este impulso democrático debe ir acompañado doutras medidas que rexeneren a vida pública como, entre outras, a reforma no financiamento dos partidos políticos galegos, a mellor regulación no exercicio dos altos cargos, a regulación do traspaso de poderes do goberno en funcións e o establecemento de limitacións nas súas actuacións.

Nun Estado democrático de dereito a publicación de información relativa á organización e actuación das entidades públicas serve, con carácter xeral, para alcanzar a transparencia que permite que os cidadáns poidan visualizar o funcionamento das administracións e, en xeral, o exercicio do poder público, o que cumpre, en primeiro termo, a posibilidade de permitir o control da devandita actividade e o seu sometemento á legalidade limitando a arbitrariedade, exixencia
consubstancial ao Estado de dereito.

Non obstante, a transparencia cumpre outra finalidade de primeira orde: servir de canle de afondamento na dimensión democrática do Estado, mellorando a posibilidade de participación dos cidadáns nos asuntos públicos, e executar a dimensión democrática do Estado sobre a base dunha cidadanía mellor informada.

É dicir, máis alá da función que a transparencia ten como forma de control da actuación das Administracións públicas, tamén proporciona a información que é requisito indispensable, non só para facer factible a participación dos cidadáns nos asuntos públicos, senón para que esta conte cunha maior fundamentación, o que deberá repercutir nunha mellora da calidade democrática.

En España a participación da cidadanía nos asuntos públicos é un mandato que fai ás Administracións públicas o artigo 9º.2 da Constitución española. Nesta liña, na nosa comunidade autónoma, o Estatuto de autonomía, no seu artigo 4º.2, encarga aos poderes públicos de Galicia a tarefa de facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social, o que indirectamente determina, entre outras cousas, a necesidade de promoción da transparencia de información pública ante o cidadán.

Neste marco, o Goberno galego, no seu obxectivo de promover a máxima transparencia da xestión pública, pon en marcha o Programa de impulso democrático da Xunta de Galicia 2015-2016 cun cuádruplo alcance:

  • Incrementar e reforzar a transparencia na actividade pública, a través de obrigas de publicidade activa na Administración xeral e nas entidades instrumentais do sector público autonómico.
  • Recoñecer e garantir o acceso á información, regulado como un dereito.
  • Establecer as obrigas do bo goberno que deben cumprir os responsables públicos, así como as consecuencias xurídicas derivadas do seu incumprimento.
  • A rexeneración democrática na nosa comunidade autónoma.

Se ben no ordenamento xurídico galego xa existen normas sectoriais que conteñen obrigas concretas de publicidade activa, por exemplo, en materia de contratación, subvencións, orzamentos ou actividades de altos cargos, o presente programa supón un importante avance na materia con respecto á vixente Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración, e, ao mesmo tempo, ten en conta o novo marco normativo que establece a Lei do Estado 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

 

Data de actualización: 20/1/2015