Plan de Prioridades Sanitarias 2014-2016

O Plan de Prioridades Sanitarias 2014-2016 revisa e actualiza o anterior (con vixencia entre 2011 e 2014) e ten como obxectivo estratéxico diminuír a enfermidade e responder ao espírito de mellora continua do sistema. O Plan recolle 17 prioridades que inclúen 108 obxectivos, 248 accións de mellora e 344 indicadores deseñados para a súa monitorización e seguimento.

Un importante aspecto da planificación estratéxica é a decisión sobre en que se deben centrar os novos investimentos dentro dun sistema sanitario. Este aspecto, fundamental en calquera planificación, vólvese imprescindible na actual conxuntura económica, na que a eficiencia debe converterse no criterio básico na asignación de recursos.

O Plan de Prioridades Sanitarias 2011-2014, do que parte este novo Plan, aliñouse coa Estratexia Sergas 2014 e a Estratexia da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e ten como principal obxectivo a revisión das accións e actuacións que, polo seu impacto nos problemas sanitarios, foron priorizadas e compre avalialas e adaptalas, tendo en conta o actual escenario.

Trátase dunha ferramenta que axudará en todos os niveis da organización nos que se deban propor e tomar as decisións sobre os plans de necesidades de novos investimentos durante a elaboración do orzamento. Desta forma, cando calquera nivel de decisión do sistema teña que elixir entre varias opcións para realizar novos proxectos ou accións, poderá identificar aquelas contidas neste documento e darlles prioridade sobre o resto das outras actuacións propostas.

Este documento revisado, xa que logo, está dirixido a todos os equipos directivos do sistema sanitario público de Galicia e a todas as unidades que están convidadas a participar nas propostas de plans de necesidades (novos investimentos) para a elaboración de orzamentos.

Hai que lembrar que entre as accións identificadas con máis impacto, non só se atopan problemas de saúde da cidadanía de Galicia, as enfermidades máis frecuentes e graves, senón tamén aqueloutras cuestións que inciden sobre os dereitos sanitarios dos usuarios e os que teñen impacto na calidade dos servizos sanitarios que presta o sistema.

Os sistemas sanitarios públicos teñen como principal finalidade promover, restablecer e manter a saúde. Igualmente, deben dar resposta ás expectativas das persoas e á equidade. Ademais, deben velar polo cumprimento dos dereitos sanitarios recoñecidos legalmente e pola calidade dos servizos que prestan. Calquera circunstancia ou feito que impida acadar estes obxectivos debe ser considerado como un obstáculo para o sistema sanitario, que deberá ser identificado e corrixido de forma prioritaria.

Non obstante, o número de problemas sanitarios que inciden sobre os obxectivos do sistema poden ser centos, igual que as accións necesarias para a súa solución. Por iso, faise imprescindible unha vez establecida unha listaxe priorizada dos problemas máis importantes e identificadas aquelas accións que son prioritarias por teren impacto sobre os problemas máis importantes, realizar unha profunda revisión e avaliación do plan e acometer as modificacións necesarias para que os problemas prioritarios se sigan, polo menos, minorizando.

Accións de mellora sobre as prioridades da área de saúde

Para a elaboración do Plan de Prioridades Sanitarias 2011-2014 levouse a cabo un exhaustivo traballo de compilación de información, que permitiu identificar e priorizar 8 áreas da saúde cun alto impacto na poboación galega, en base á morbimortalidade que supoñen, á diminución na calidade de vida, á perda de anos de esperanza de vida, á discapacidade que provocan, á súa vulnerabilidade ou mesmo respondendo a criterios de estratexia política. Son a cardiopatía isquémica, cancro de pulmón, ictus, diabetes mellitus, depresión, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, cancro de colon e cancro de mama feminino.

 

Data de actualización: 10/9/2014