Plan de Inspección de Servizos Sociais de Galicia para o ano 2020

Este plan contén as liñas básicas da actuación da Inspección de Servizos Sociais de Galicia para o ano 2020.

A Inspección de Servizos Sociais exerce as súas facultades sobre todas as entidades, centros, programas e servizos que desenvolven actividades de servizos sociais na Comunidade Autónoma de Galicia, sexan de carácter público ou privado, con independencia da existencia, ou non, de ánimo de lucro, do réxime de intervención administrativa que se lles esixa para a súa posta en funcionamento, da denominación formal da actividade, así como do lugar onde a entidade titular ou xestora teña a súa sede ou domicilio legal.

O fin da Inspección de Servizos Sociais é verificar o estrito cumprimento da normativa aplicable nesta materia, de xeito que se garantan os dereitos das persoas usuarias e se procure a mellora continua da calidade nos servizos sociais que se lles presten á cidadanía no territorio de Galicia.

Para isto, neste plan márcanse os seguintes obxectivos específicos:

  • Velar polo respecto dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais, en especial daquelas persoas que reciben servizos de atención residencial.
  • Impulsar a implantación de medidas de mellora da calidade nos servizos sociais públicos e privados, fomentando a utilización de indicadores de calidade para facilitar a medición integral e continua do servizo prestado e dos procesos de atención.
  • Velar polo axeitado emprego das axudas e subvencións concedidas, e polo cumprimento das cláusulas contractuais e dos convenios asinados pola Consellería de Política Social nesta área.
  • Propoñer medidas para incrementar a eficiencia da oferta de servizos sociais existente e a súa adaptación á conxuntura socioeconómica.

A vixencia deste plan estenderase ata o 31 de decembro de 2020. De ser preciso, prorrogarase de forma tácita ata a entrada en vigor do seguinte plan de inspección.

Data de aprobación: 24/1/2020

Ligazóns relacionadas