Plan Xermola para a prevención da obesidade infantil en Galicia

O Plan Xermola ten por obxecto diminuír a prevalencia da obesidade na poboación infantil e xuvenil de Galicia (menores de 18 anos) nun prazo de 8 anos, mellorar o patrón alimentario e de actividade física da poboación infantil e xuvenil como principais determinantes actuais desta patoloxía e actuar sobre outros que vaia identificando a evidencia científica.

A Xunta pretende mediante o Pan Xermola coñecer a prevalencia da obesidade na poboación escolar de 6 a 15 anos de Galicia, analizar o seu patrón alimentario e obter un protocolo de actuación en cada un dos ámbitos de intervención con base en ensaiar, avaliar e seleccionar as intervencións máis custo-eficaces no ámbito sanitario, educativo e comunitario, o que servirá como punto de partida para poder levar a cabo as diferentes actuacións. Ademais, establecerá as bases para integrar o plan na Estratexia Galega de Atención Integral á Cronicidade.

Intervencións concretas

O Plan Xermola concrétase en 34 intervencións agrupadas en 13 liñas de acción dentro de 5 estratexias que son a normativa (con actuacións dirixidas ao ámbito escolar, sanitario, comunitario e municipal), a participativa (para promover a participación activa da cidadanía), a referida á innovación e á investigación (dirixida a consolidar un tecido de investigación en obesidade e a fomentar a innovación tecnolóxica na saúde), a de vixilancia (para dotar de coñecemento os responsables do desenvolvemento do Plan), e a de información e formación (para formar, entre outros, a comunidade en materia de saúde, ou os colectivos específicos).

Entre o conxunto de medidas de intervención no eido normativo, o Plan Xermola prevé o desenvolvemento ou proposta de boas prácticas para definir, regular e verificar a oferta alimentaria no centro escolar. No marco da estratexia participativa, entre outras iniciativas crearase unha comisión de alto nivel con representación política de todos os grupos parlamentarios, así como de equipos municipais multidisciplinares que xestionen e coordinen as actividades dos concellos.

Ademais, no campo da innovación, tratarase de consolidar un tecido de investigación en obesidade infantil establecendo acordos cos responsables dos centros de investigación e departamentos das universidades galegas para que prioricen as liñas de investigación en materia de obesidade infantil. Tamén se establecerán acordos coas empresas que integran o Clúster de Alimentación de Galicia.

Na área de vixilancia, prevese poñer en marcha un observatorio para a vixilancia e seguimento do estilo de vida e dos determinantes da obesidade na poboación galega, mentres que no eido da formación e a información se establecerán programas formativos para colectivos específicos (sanitarios, educativos). Así mesmo, fomentarase a inclusión de contidos relacionados coa saúde nas titulacións con previsión de docencia na súa carreira profesional.

Actuacións xa en marcha

Algunhas actuacións xa en marcha no marco do Plan Xermola son a asesoría e supervisión de menús escolares, a formación de responsables de comedores escolares, a edición de libros de menús escolares, a resposta á demanda de información e formación por parte de ANPAS, e o Programa on-line Xente con Vida, iniciativa centrada na difusión de información fiable e contrastada sobre alimentación, que busca a comunicación directa cos cidadáns, cunha linguaxe clara, sinxela e comprensible por todos.

Trátase dunha estratexia poboacional, multisectorial, multidisciplinaria e adaptada ao contorno social e cultural, co obxectivo de frear o problema da obesidade e o sobrepeso na nosa mocidade, así como de mellorar o patrón alimentario e de actividade física como determinantes da obesidade na poboación infantil e xuvenil en Galicia.

Prevalencia da obesidade e sobrepeso

A Consellería de Sanidade realizou, no marco do plan, un estudo de prevalencia de obesidade e sobrepeso cunha mostra representativa de case que 7.500 nenos e nenas galegos de entre 6 e 15 anos de idade. Do estudo despréndese que o 24,8% deles teñen sobrepeso, o 8,3% son obesos, o 63,4% presentan un peso normal e o 3,5% teñen baixo peso.

Despregados os resultados por sexos, no que atinxe aos rapaces, o 24,3% teñen sobrepeso e o 9,3% son obesos, tendo o 63,2% peso normal e o 3,3 baixo peso. No que se refire ás rapazas, o resultado da enquisa reflicte que o 25,4% teñen sobrepeso e o 7,2% son obesas, tendo o 63,5% peso normal e o 3,8% baixo peso.

A enquisa sinala, tamén, que o 25,6% dos nenos e nenas de Educación Primaria teñen sobrepeso e o 9,4% son obesos. Nesta categoría, o 61,5% teñen peso normal e o 3,5% baixo peso. Polo que atinxe á Educación Secundaria Obrigatoria, o 23,5% teñen sobrepeso e o 6,4% obesidade, estando o 66,5% no seu peso normal e o 3,6% presentan baixo peso.