Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais

Dotado cun orzamento de 8 millóns de euros, o Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais é un instrumento de apoio á planificación estratéxica desta área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións de máis de 1,6 millóns de galegos/as.

Coa integración das TIC na xestión dos servizos sociais, a Administración autonómica busca mellorar a súa eficiencia para garantir a sostibilidade do sistema e incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda que está en aumento. Ademais, a modernización da xestión permitirá reducir tarefas administrativas e prazos de tramitación.

Para conseguilo, este plan, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar en estreita colaboración co Servizo Galego de Saúde, prioriza a coordinación dos recursos sociosanitarios, que podería permitir unha optimización do gasto sanitario por un importe estimado de arredor de 30 millóns de euros anuais. Ademais, a integración da tecnoloxía na xestión dos servizos sociais permitirá un aforro de 4 millóns de euros ao ano.

Integración dos sistemas de información

Unha das claves do plan é a creación dun sistema integrado de intercambio de información entre os sistemas sociosanitario e as administracións local e autonómica, dispoñible para todos o axentes implicados con toda a información relevante dos usuarios e coa carteira de servizos global.

A creación desta plataforma tecnolóxica facilitará a implantación efectiva da historia social única dos usuarios, que poderá integrarse coa historia clínica e simplificará o labor dos preto de 30.000 profesionais que integran o Sistema galego de servizos sociais.

A dispoñibilidade desta información e a coordinación entre os diferentes sistemas e axentes implicados permitirá predicir necesidades e desenvolver políticas de prevención.

Fomento do autocoidado preventivo

Outro dos eixes do plan é a modernización da xestión dos centros asistenciais, orientándoos cara a unha especialización en coidados de longa duración evitando, no posible, as estancias en hospitais. Esta medida irá acompaña da implantación dunha
plataforma de teleasistencia social que favoreza o autocoidado preventivo no fogar, grazas ao seguimento dos usuarios e ao seu tratamento á distancia.

Para acadar estes obxectivos, a plataforma prevé servizos non intrusivos no fogar para a monitorización do usuario en tempo real, aplicacións de rehabilitación sensorial a través de smart TV ou tabletas e servizos de seguimento e localización de persoas con risco de extravío.

Axilizar a tramitación

A implantación de solucións tecnolóxicas na xestión dos servizos sociais será clave para maximizar a eficacia do sistema e conseguir un servizo de maior calidade e con capacidade para atender un número crecente de usuarios. Con esta finalidade crearanse ou melloraranse as ferramentas empregadas polos profesionais para a xestión da información, conseguindo reducir o tempo dedicado á xestión de solicitudes e unha xestión máis eficaz de pagamentos. Impulsarase a presentación de documentación en formato electrónico así como as notificacións telemáticas en lugar de empregar o correo ordinario.

Para conseguir estes obxectivos, o plan implica a colaboración de todo o sector, desde as administracións, os centros de atención e os colectivos profesionais na atención social, para unha mellor xestión das prestacións sociais e axilizar os tempos de
resposta e optimizar os recursos das diferentes administracións.

Impulso do tecido empresarial e do sector TIC

As medidas establecidas no plan contribuirán ao desenvolvemento dun novo sector empresarial e profesional de notable impacto produtivo e de xeración de emprego, no cal Galicia pode ser un referente nacional e internacional.

Ademais, suporá un forte impulso ao sector TIC galego que poderá desenvolver proxectos innovadores no eido sociosanitario ao abeiro do plan.