Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016 – Horizonte 2020

Este plan baséase na necesidade urxente e imprescindible de traballar en favor da revitalización demográfica, para garantir a sostibilidade demográfica, socioeconómica e sociocultural da Comunidade Autónoma de Galicia. O capital humano é o máis importante para un territorio, é o motor do desenvolvemento social e económico.

O obxectivo principal deste Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020 é promover a dinamización demográfica de Galicia logrando ascender posicións no ranking das 303 rexións europeas relativo ao índice sintético de fecundidade, camiñando cara ao obxectivo de aumentar a media de 1,08 fillos/as por muller que se rexistra en Galicia ata achegarse á media europea situada en 1,59 fillos/as por muller.

Para lograr este obxectivo principal o Plan establece todo un conxunto de obxectivos estratéxicos que se porán en práctica a través de catro áreas de intervención.

Sensibilización para a dinamización demográfica

As previsións á baixa do crecemento demográfico galego sitúannos ante un problema estrutural sobre o que é necesario actuar. Un problema sobre o que se perciben determinadas consecuencias pero do que aínda non está suficientemente considerada a súa dimensión. Por iso, a primeira das áreas de intervención do Plan vai destinada á necesaria sensibilización para a dinamización demográfica. Unha sensibilización que pretende mobilizar ao conxunto da sociedade galega no obxectivo da recuperación demográfica.

Os obxectivos estratéxicos definidos nesta área son:

Aumentar a valorización do problema demográfico.
Fomentar o valor social das familias en todas as súas modalidades.
Traballar sobre a dimensión socioeconómica da cuestión demográfica.


Impulso socioeconómico á maternidade/paternidade

Os resultados da enquisa amosan que a decisión da maternidade/paternidade responde fundamentalmente a un obxectivo persoal que se sustenta, maioritariamente, nunha idea preconcibida do número de fillos/as que se queren ter e/ou adoptar e que, maioritariamente tamén, se sitúa nun número máximo de dous fillos/as.

Non obstante, os estímulos socioeconómicos teñen un valor importante na decisión da maternidade/paternidade e os apoios neste ámbito son valorados positivamente polas persoas que deciden ter e/ou adoptar fillos/as.

Os obxectivos estratéxicos definidos neste área son:

Fomentar o acceso a estímulos económicos que apoien a decisión da maternidade/paternidade.
Incrementar e fortalecer a rede de recursos de información, asesoramento e acompañamento ás/aos nais/pais.
Fomentar a aplicación de apoios socioeconómicos dende o ámbito empresarial.


Apoio ás familias

Ademais de ofrecer apoio socioeconómico á decisión da maternidade/paternidade é importante chegar e, de ser posible, superar o relevo xeracional establecido en 2,1 fillos/as por muller en idade fértil. Polo que é moi importante apoiar ás persoas que deciden ter e/ou adoptar dous e máis fillos/as, non unicamente no momento da decisión de cada maternidade/paternidade, senón durante os diferentes momentos no coidado e a crianza dos fillos/as. Favorecendo a calidade de vida das familias, no seu conxunto, e de todos os seus membros, en particular.

Os obxectivos estratéxicos definidos nesta área son:

Ampliar e consolidar as medidas para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Fortalecer, fomentar e apoiar o desenvolvemento integral dos nenos e nenas, das familias en todas as súas modalidades e dos seus membros.
Favorecer o acceso, cambio ou mellora da vivenda.
Facilitar o acceso ao transporte e a mobilidade das familias.
Potenciar o desenvolvemento sociocultural e a calidade de vida dos/as nenos/as, das familias e os seus membros.
Potenciar o asentamento poboacional no rural e nas zonas costeiras non urbanas como fórmula para o fomento da continuidade demográfica.
Facilitar a integración social e laboral de persoas inmigrantes e retornadas.


Coordinación interdepartamental e transversabilidade

Esta área de intervención ten como foco garantir que os obxectivos e as medidas do Plan van ser suficientemente coñecidos, que o crecemento demográfico se incorpora de maneira transversal ao conxunto de políticas impulsadas dende Galicia e que se promoven estratexias de cooperación conxunta entre a Administración autonómica, as Administracións locais e toda a sociedade aos efectos de promover accións relativas ás medidas nel recollidas.

Esta cuarta área de intervención, pretende converter ao crecemento demográfico nunha prioridade política.

Os seus obxectivos estratéxicos son:

Fomentar mecanismos ou instrumentos para a difusión integral do Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020.
Promover a coordinación e o desenvolvemento de estratexias conxuntas, interdepartamentais e interdisciplinares, que fagan posible a transversalidade do obxectivo de rexeneración demográfica a todos os ámbitos da vida pública e privada de Galicia.
Impulsar o Modelo Territorial de Galicia definido nas Directrices de Ordenación do Territorio: acción integral de desenvolvemento económico.