Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe

O Plan LÍA 2010/2015 para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe ten como obxecto principal adaptar os recursos informativos dos centros educativos ás novas necesidades da sociedade da información do século XXI, o que facilitará a promoción e integración das tecnoloxías emerxentes, así como a mellora e renovación das prácticas educativas.

Este plan engloba importantes accións que xa se están a desenvolver dentro das bibliotecas escolares e con el dáse un paso máis a prol da súa consolidación. Con el, quere favorecerse a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, e contribuír ao éxito escolar, sen perder a intención de mellorar a lectura comprensiva, a escritura e as habilidades no uso da informática por parte da poboación escolar galega, así como a estimulación da experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa. Deste xeito, incentívase o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas. O Plan LÍA 2010/2015 para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe ten como obxectivos xerais:

Adaptar os recursos informativos dos centros educativos ás novas necesidades da sociedade da información do século XXI
Promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas
Favorecer a adquisición das competencias básicas do alumnado galego e contribuír ao éxito escolar
Mellorar a lectura comprensiva, a escritura e as habilidades no uso da información da poboación escolar galega
Incentivar o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas, aproveitando os seus recursos para unha mellor atención á diversidade, e unha máis óptima atención á multiculturalidade, ás necesidades educativas específicas e ao plurilingüismo
Estimular a experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa

Liñas estratéxicas

Co fin de estabilizar a Rede de bibliotecas escolares de Galicia, como centros de recursos ao servizo dos procesos de ensinanza e aprendizaxe, imprescindibles para a adquisición das competencias básicas do alumnado e para a formación de lectores competentes, así como para a consecución dos obxectivos xerais anteriormente definidos, considéranse as seguintes liñas estratéxicas de actuación:

Darlle continuidade ao Plan de mellora de bibliotecas escolares
Afianzar a Rede de bibliotecas escolares de Galicia, no contexto do Sistema bibliotecario galego
Reforzar a formación do profesorado para un maior uso dos amplos recursos que as bibliotecas escolares poñen á súa disposición
Afianzar a colaboración con outros axentes sociais que poidan contribuír á construción da sociedade lectora, e que teñen incidencia na poboación escolar
Ampliar a visibilidade das boas prácticas que se están a levar a cabo a través das bibliotecas escolares nos centros, e que posibilitan a consecución dos obxectivos da Escola 2.0 Abalar
Acadar maiores cotas de implicación das familias na formación dos novos lectores
Reforzar o programa Hora de ler, con novas iniciativas, mellorando, a un tempo, as que teñen boa acollida e bos resultados