Plan de Software Libre 2015

Enmarcándose nas liñas estratéxicas da Axenda Dixital de Galicia 2020, o Plan de Software Libre 2015 supón un novo paso adiante no compromiso da Amtega co fomento e promoción do software libre e as fontes abertas.

A Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG 2020), aprobada no Consello da Xunta o 30 de abril de 2015, incorpora, no seu modelo operativo, o software libre de xeito transversal, como unha excelente ferramenta para a consecución dos obxectivos definidos na ADG 2020 articulados en cinco liñas de actuación: a valorización da Administración, a énfase na vida dixital, a aceleración da economía dixital, o estímulo ao crecemento do sector TIC, e a articulación dixital do territorio.

Neste contexto da nova axenda dixital galega, a Xunta de Galicia manterá en 2015 a estratexia iniciada en 2010 de promoción e fomento do uso do software libre. Así, como non podía ser doutro xeito, continuarase a promover o software libre de forma transversal nas distintas actuacións que se impulsarán dende a Amtega, de forma que o software libre non sexa un obxectivo per se, senón unha ferramenta máis para contribuír á mellora da eficacia e eficiencia das medidas encamiñadas a resolver os retos e desafíos recollidos na ADG 2020 nas diferentes áreas de actuación.

A promoción e fomento do software libre continuará pois a ser un instrumento para mellorar a eficiencia acadada na administración nos últimos anos e continuará a servir para achegar as vantaxes do uso das tic ao conxunto da sociedade a través das actuacións desenvolvidas no Centro Demostrador TIC, a Rede CeMIT e do proxecto Abalar no ámbito educativo, segundo se detallan nos correspondentes apartados específicos deste plan.

O Plan de Acción Anual en Materia de Software Libre desenvolverá as súas actuacións na procura dos seguintes obxectivos:

Continuar coa mellora da administración impulsando a implantación de solucións de software libre de calidade
Incrementar a reutilización de software no ámbito da administración pública e facilitar a reutilización como software libre de desenvolvementos realizados pola Xunta de Galicia por parte doutras administracións
Impulsar a implantación na Xunta de Galicia do uso de estándares abertos
Incorporar novas actuacións en materia de formación e difusión ás xa existentes que permitan incrementar a difusión das vantaxes competitivas do software libre

Data de actualización: 30/4/2015

Ligazóns relacionadas