Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras

O Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras desenvolve unha serie de accións coas que acadar unha mellora da competencia do alumnado e do profesorado no coñecemento das linguas estranxeiras, que se alongue no ensino de adultos e que se inclúa nas directrices de formación ao longo da vida.

O obxectivo xeral deste plan é que o alumnado, ao remate da súa educación e formación escolar, teña unhas competencias de comprensión e expresión orais e escritas nunha lingua estranxeira, basicamente inglés, que lle permitan ser un usuario independente dela, conforme aos requisitos do nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, así como dotar progresivamente ao profesorado das competencias didácticas e lingüísticas necesarias para alcanzar a referida formación do alumnado.

Obxectivos estratéxicos

Para poder alcanzar o referido obxectivo, é necesario que desde a Administración educativa se actúe nos seguintes ámbitos: centros educativos, profesorado, alumnado e familias.

Nestes ámbitos de actuación, a Administración educativa de Galicia fíxase os seguintes obxectivos estratéxicos:

Obxectivos para os centros educativos

Crear, de xeito progresivo, centros plurilingües na rede de centros da Comunidade autónoma de Galicia

Potenciar a formación de calidade nas seccións bilingües, buscando a excelencia educativa e promovendo estratexias de mellora metodolóxica

Favorecer a participación activa dos centros educativos no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Promover a mellora das competencias lingüísticas dos cidadáns en linguas estranxeiras, principalmente inglés, a través das Escolas Oficiais de Idiomas

Obxectivos para o profesorado

Facilitar ao profesorado que imparte ensinanzas nas linguas estranxeiras accións de formación para a mellora das súas competencias didácticas e comunicativas

Establecer itinerarios formativos que promovan a formación do profesorado de Galicia en linguas estranxeiras

Realizar procesos de avaliación e acreditación das competencias en linguas estranxeiras que posúa o profesorado do sistema educativo non universitario de Galicia

Facilitar ao profesorado non especialista en linguas estranxeiras accións de formación para que poida adquirir o grao de competencias equivalentes a B2 no Marco Común Europeo de Referencia para Linguas

Habilitar o profesorado que presenta adecuadas competencias lingüísticas orais e escritas en lingua estranxeira, para a súa participación nos centros plurilingües e nas seccións bilingües

Obxectivos para o alumnado

Lograr que o alumnado sexa competente e autónomo no uso, como mínimo, dunha lingua estranxeira

Promover a certificación do alumnado do dominio das competencias lingüísticas que posúe, a través de axentes avaliadores externos ao centro educativo

Potenciar a participación nos proxectos europeos para mellorar as súas competencias lingüísticas

Favorecer a mobilidade do alumnado fóra das nosas fronteiras para a mellora das súas estratexias lingüísticas, de xeito que se poidan ver incrementadas as súas oportunidades de aprendizaxe ou de inserción laboral, se é o caso.

Obxectivos para as familias

Informalas sobre as vantaxes na formación dos seus fillos en competencias orais e escritas de varias linguas

Promover a súa participación e colaboración co centro educativo e co profesorado na implantación e no desenvolvemento do Plan

Ligazóns relacionadas