III Plan galego de acción voluntaria (2011-2014)

A planificación estratéxica da Comunidade autónoma canalízase a través do Plan galego de acción voluntaria, que se configura como un instrumento administrativo que determina os criterios de planificación e coordinación das actuacións proxectadas en materia de acción voluntaria.

O III Plan galego de acción voluntaria (2011-2014), que nace nun contexto de crise económica que condiciona o alcance dos seus obxectivos, aséntase nun longo camiño recorrido e impúlsao a celebración do Ano europeo do voluntariado (2011), que terá en Galicia un peche privilexiado: a celebración do XIV Congreso Estatal de Voluntariado “Camiños de solidariedade”.

Seguindo as recomendacións do Observatorio do voluntariado da Plataforma del Voluntariado de España1, este terceiro plan estratéxico tentará dar resposta aos seguintes requirimentos:

Elaboración participativa do plan.
Que a formación do voluntariado, e dos equipos técnicos, sexa un área fundamental dentro do plan.
Que se incorporen mecanismos que aseguren a dotación de orzamento para a execución do plan, o seu seguimento e a avaliación final.
Que se contribúa á investigación en materia de voluntariado.
Que se estableza unha estrutura de planificación que siga pautas comúns (en sintonía coa Estrategia Estatal del Voluntariado 2010-2014) e permita a comparabilidade entre plans de distintas comunidades autónomas.

A tal efecto, o III Plan galego de acción voluntaria estrutúrase atendendo ás seguintes grandes áreas de intervención: sensibilización, apoio e coordinación.

Cada unha destas tres áreas de intervención incorpora un obxectivo xeral, focalizándose en ámbitos para acadar os obxectivos específicos, nos que investirán os esforzos do Plan. Estes ámbitos serán á súa vez desenvolvidos polas liñas estratéxicas do plan, que han de priorizar e facer posibles os compromisos adquiridos en cada unha das áreas e ámbito

En cada liña estratéxica encádranse as accións, que son as actividades coas que se pretenden obter os resultados que permitan acadar o obxectivo marcado en cada un dos ámbitos e áreas de intervención. Para cada acción especifícanse os colectivos ou persoas destinatarias, as responsables, o seu desenvolvemento e alcance, e os indicadores que permitirán facer o seguimento do grao de cumprimento de cada unha delas.

Principios inspiradores do Plan

O III Plan galego de acción voluntaria recolle os principios orientadores da acción voluntaria que enuncia o artigo 4 do Anteproxecto de Lei de acción voluntaria:

Participación, promovendo o desenvolvemento dun tecido asociativo propio, desde o pleno recoñecemento da súa autonomía funcional e pluralismo, e a implicación da cidadanía na consecución dos intereses públicos.
Solidariedade, altruísmo e gratuidade da acción que se desenvolve, excluíndose a procura ou o aproveitamento dun beneficio material.
Liberdade persoal e respecto do pluralismo e das opcións persoais das persoas voluntarias e das persoas destinatarias da súa acción.
Colaboración e complementariedade entre as entidades de acción voluntaria e as administracións públicas sen que en ningún caso a acción voluntaria poda implicar unha substitución do traballo profesional ou das obrigas dos poderes públicos.


Obxectivos e liñas estratéxicas

O III Plan galego de acción voluntaria ten como principal cometido responder á realidade presente e aos retos que o voluntariado e a acción voluntaria presentan na comunidade autónoma galega, no período de tempo que enmarca o seu desenvolvemento, 2011-2014.

As actuacións que derivan deste Plan veñen definidas pola súa contribución a liñas estratéxicas, ámbitos e áreas de acción, en aras de promover a participación cidadá, fortalecer as entidades de acción voluntaria, reforzar a coordinación entre as e os diferentes axentes e desenvolver estruturas para a acción voluntaria, entre outros elementos que se consideran claves na promoción da acción voluntaria.

Sistematízanse do seguinte xeito as grandes áreas (obxectivo xeral) e ámbitos (obxectivos específicos), que á súa vez se desenvolverán en liñas estratéxicas, que compoñen o III Plan Galego de Acción Voluntaria:

1. Área de Sensibilización
O obxectivo xeral é contribuír á construción dunha cidadanía que valora e participa socialmente a través da acción voluntaria. Os ámbitos que integran esta área son:

Ámbito da difusión. Obxectivo específico: comunicar á cidadanía os valores e contribución da acción voluntaria como expresión dunha participación activa en temas de interese xeral.
Ámbito da reflexión e estudo. Obxectivo específico: fomentar o estudo e análise do fenómeno de acción voluntaria dende distintas perspectivas para visibilizar a cantidade e calidade da súa contribución social.


2. Área de Apoio

O obxectivo xeral da área de apoio é fomentar o desenvolvemento de entidades de acción voluntaria que favorezan a participación da cidadanía en temas de interese xeral. Os ámbitos que integran esta área son:

Ámbito da promoción. Obxectivo específico: incrementar a cantidade, calidade e continuidade da participación da cidadanía na acción voluntaria.
Ámbito da formación. Obxectivo específico: fortalecer a capacitación das entidades de acción voluntaria e das persoas voluntarias para unha contribución efectiva e de calidade na atención a temas de interese xeral.
Ámbito da xestión. Obxectivo específico: mellorar a eficacia e eficiencia da xestión das entidades de acción voluntaria para contribuír a súa sostibilidade no desempeño das súas funcións.


3. Área de coordinación

O obxectivo xeral é fortalecer a coordinación entre as e os axentes de voluntariado de Galicia para favorecer a súa efectividade na construción dunha cidadanía máis participativa. Os ámbitos que integran esta área son:

Ámbito da coordinación. Obxectivo específico: reorientar o funcionamento das estruturas, relacións e mecanismos de coordinación entre as e os axentes de voluntariado de Galicia.
Ámbito da cooperación. Obxectivo específico: reforzar a comunicación e cooperación entre as e os axentes de voluntariado en Galicia.