Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020

O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara un novo escenario máis sostible e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos.

O Plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novos marcos especialmente en prevención (onde por primeira vez establécese un obxectivo cuantitativo) e no despregue da recollida selectiva da fracción orgánica e o incremento do resto de recollidas, tanto en cantidade como en calidade.

Isto faino baixo unha nova perspectiva na que o elemento primordial para conseguir os obxectivos propostos é incorporar ás persoas no modelo de xestión. Así, ademais de prever as infraestruturas que serán necesarias para tratar os residuos xerados segundo as previsións feitas para o ano 2020, a maior parte das actuacións propostas teñen como público obxectivo a cidadanía en xeral e o territorio, entendendo este último como o compendio de técnicos, políticos e estruturas organizativas (conxunto ao que se denomina organización), que permitirán a consecución dos obxectivos por todas as partes do territorio galego.

As particularidades do territorio galego (dispersión, multiplicidade de entidades poboacionais, estruturas organizativas, etc.) tamén se tiveron en conta á hora de deseñar o modelo de xestión e a súa loxística, tanto no que se refire aos modelos de recollida propostos, como á descentralización de infraestruturas de tratamento en función da fracción e as posibilidades tecnolóxicas de tratamento para cada unha delas.

En función de todos estes parámetros, seleccionáronse dez liñas estratéxicas que desenvolven unha ou varias actuacións coa finalidade última de conseguir os obxectivos formulados.

Liñas estratéxicas do plan

Plan de comunicación e educación ambiental
Plan de prevención de residuos
Fomento da recollida selectiva de fracción orgánica
Fomento da recollida selectiva de fracción envases
Fomento da prevención e a recollida selectiva da fracción “outros”
Ampliación e mellora de puntos limpos
Ambientalización da administración
Incremento da planificación territorial e impulso de novos instrumentos para a xestión de residuos
Planificación da rede de plantas de tratamento
Potenciación do mercado de reciclaxe e do compost

Obxectivos principais

Nas estratexias a desenvolver polo Plan inclúense os seguintes obxectivos principais:

Estabilizar e reducir a produción de residuos en Galicia, en canto ao peso pero tamén en volume, diversidade e perigo, separando a produción de residuos do crecemento económico
Fomentar a recollida selectiva en orixe, como estratexia para obter materiais de calidade que teñan saída no mercado da reciclaxe
Potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais
Potenciar as recollidas comerciais en orixe
Potenciar o mercado da reciclaxe
Garantir a complementariedade de modelos
Desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo os criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental
Minimizar o vertido final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables
Implicar ás persoas nas actuacións de xestión de residuos, maximizar a implicación e os coñecementos da poboación e dos xestores
Garantir a calidade e transparencia da información
Acomodar o Sistema de xestión de residuos ao sistema de xestión urbana, como un elemento máis, interrelacionado con outros como a xestión do espazo público, a mobilidade, o ruído, etc.
Previr a contaminación do solo e rexenerar os solos degradados