Plan de aforro e eficiencia enerxética da Xunta 2011-2013

O sector público debe liderar a aposta pola eficiencia enerxética, de aí o marcado carácter exemplarizante deste plan, co que o Goberno galego avanza na estratexia global pola potenciación do aforro e da eficiencia en todos os sectores económicos para facer de Galicia unha comunidade á vangarda neste eido e no das enerxías renovables.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, impulsa a posta en marcha dun Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética na Administración Pública de Galicia 2011-2013 co obxectivo primordial de establecer unha estratexia de aforro de enerxía dentro da Comunidade autónoma, para desenvolver e coordinar diferentes actuacións e políticas de aforro nas distintas administracións e optimizar os consumos e a redución dos custos enerxéticos da Xunta de Galicia, ademais das vantaxes ambientais e do papel divulgativo da implantación de medidas de aforro enerxético.

A Directiva 2006/32/CE, sobre a eficiencia enerxética do uso final da enerxía e os servizos enerxéticos, establece que o sector público debe adoptar medidas de eficiencia enerxética, de xeito que se comuniquen as actuacións exemplares de cara á sociedade.

As Administracións públicas deben desempeñar un papel activo no aforro de enerxía e na mellora da eficiencia enerxética, non só como lexisladores, promotores e financiadores de medidas de mellora, se non tamén como consumidores de enerxía.

É por iso que ese plan, aprobado no Consello da Xunta do 24 de febreiro de 2011, pretende incidir de xeito notable no sector público, tanto polo potencial de aforro existente, como polo seu papel de liderado e exemplaridade que representa de cara á sociedade.

Trátase de definir, dentro do ámbito das administracións públicas, as actuacións necesarias para a obtención do máximo rendemento enerxético, así como as directrices de organización dos servizos que teñan incidencia no gasto de enerxía, co obxecto de potenciar o carácter exemplarizante que deben dar as diferentes administracións de cara ao fomento do uso racional da enerxía.

Obxectivos

O plan contempla tres obxectivos claramente definidos:

Establecer unha estratexia de aforro na Comunidade Autónoma de Galicia para coordinar actuacións de aforro e eficiencia enerxética dentro da Administración autonómica e local. Preténdense establecer políticas de aforro e eficiencia enerxética comúns que permitan aproveitar as sinerxías existentes, dadas as elevadas posibilidades coas que conta a administración para acometer accións que favorezan a redución da demanda de enerxía. Designase ao Instituto Enerxético de Galicia como coordinador xeral do plan.
Realizar actuacións de aforro e eficiencia enerxética en edificios públicos (centros sanitarios, centros educativos e sociais e edificios administrativos)
Incentivar un programa de actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética na administración local galega.