Plan galego de estatística 2012-2016

Mediante a Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan galego de estatística 2012-2016 regulouse e aprobouse o instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade autónoma de Galicia.

O Plan galego de estatística 2012-2016 constitúe o marco de colaboración institucional entre as entidades que forman parte da organización estatística de Galicia, segundo o artigo 37 da Lei de estatística de Galicia, e destas con outras entidades públicas locais, autonómicas ou estatais, así como europeas ou internacionais.

Este plan formula os seus obxectivos para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2016. Non obstante, quedará prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte no suposto de non se aprobar un novo ao seu vencemento. Para desenvolvelo, o Consello da Xunta aproba programas estatísticos anuais.

O obxectivo central do plan é desenvolver e consolidar o sistema estatístico galego e conseguir un conxunto coherente, rigoroso e actualizado de datos que responda ás demandas de información das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e dos cidadáns, adecuándose aos criterios de economía e de aproveitamento das fontes existentes, minimizando as molestias aos informantes e garantindo o segredo estatístico.

Este obxectivo central desenvólvese en:

  • Obxectivos informativos, que se dirixirán a dar resposta a campos de coñecemento para o desenvolvemento e o benestar, delimitando os temas e as liñas de actuación salientables que deben abordar as estatísticas para responder ás demandas de información. Estes obxectivos determinan o contido das operacións e demais actividades.
  • Obxectivos organizativos, para mellorar a organización estatística de Galicia e conseguir un uso máis racional dos recursos e da información dispoñible.
  • Obxectivos instrumentais, dirixidos a asegurar a calidade das estatísticas e a súa conexión cos usuarios. Unha información de calidade proporcionará un conxunto coherente, rigoroso e actualizado de datos, e unha adecuada conexión cos usuarios favorecerá que os resultados respondan ás súas demandas. Estes obxectivos determinan a maneira de elaborar cada actuación concreta.

Informes de seguimento dos programas anuais do Plan galego de estatística 2012-2016