Estratexia SERGAS 2014: a sanidade pública ao servizo do paciente

Para elaborar a Estratexia SERGAS 2014 a Administración sanitaria galega baseouse en catro principios fundamentais: o paciente como centro do sistema, o recoñecemento e potenciación do valor dos profesionais, o papel da innovación e da nova ciencia e o compromiso co desenvolvemento económico e social de Galicia.

A finais do ano 2009 a Consellería de Sanidade comezou a realizar os traballos necesarios para a elaboración da Estratexia Sergas 2014, un documento que responde ao obxectivo xeral de definir os obxectivos estratéxicos e as liñas de actuación que debe acometer o Servizo Galego de Saúde nos vindeiros anos para acadar a transformación do seu sistema de saúde e consolidar un modelo sanitario innovador, centrado nos cidadáns, e que asegure a continuidade asistencial, a seguridade, a eficiencia e a implicación dos profesionais.

Os principios que rexen esta estratexia son:

Orientación aos cidadáns, usuarios e pacientes. O noso modelo sanitario centrado no paciente debe reorientar a súa estratexia cara a xestión de enfermidades crónicas, a garantir os dereitos do paciente, a prestar unha asistencia segura e de calidade, a potenciar a súa participación no sistema e a incrementar a súa accesibilidade ao mesmo.
Orientación aos profesionais. Os nosos profesionais son noso principal activo, e queremos que se impliquen e involucren no sistema, cunha política de persoal caracterizada pola estabilidade laboral, o desenvolvemento e a promoción profesional e un sistema de xestión por competencias baseado na formación, a avaliación e no recoñecemento profesional.
Impacto no desenvolvemento económico e social de Galicia. Queremos dinamizar a competitividade de Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social da nosa comunidade autónoma, contribuíndo á creación de riqueza e garantindo a sostibilidade do sistema.
Apertura á nova ciencia. Estamos concienciados/as e implicados/as coa nova ciencia, a través da investigación, o desenvolvemento da xenómica, o desenvolvemento das tecnoloxías da información e a comunicación e o énfase na saúde, potenciando a prevención e a promoción da saúde. 

Obxectivos estratéxicos

Coa misión de contribuír a mellorar a saúde e promover a máxima efectividade, calidade, seguridade, equidade e satisfacción na provisión de servizos sanitarios, garantindo a sostibilidade do sistema sanitario, a Consellería de Sanidade traduciu o seu compromiso nunha vontade de innovación para proporcionar servizos humanizados e de alto nivel científico técnico, a través do seu principal activo: os/as profesionais.

Co fin de consolidar un modelo sanitario innovador, sensible ás necesidades e preferencias dos cidadáns, que fomente a implicación e motivación dos profesionais, que asegure a eficiencia na xestión, que actúe como motor de desenvolvemento económico e social de Galicia, que potencie a excelencia investigadora e que estea orientado á atracción de inversións definíronse nesta estratexia as liñas de traballo necesarias para acadar os obxectivos de:

Promover a saúde e responder ás necesidades do cidadán a través de dispositivos asistenciais e plans específicos
Garantir a prestación de servizos no lugar e momento adecuados, cos niveis de calidade e seguridade comprometidos
Definir unha política de persoal aliñada coas necesidades do sistema e dos/das profesionais
Desenvolver uns sistemas de información que faciliten a práctica clínica e a toma de decisións
Facer que o sector sanitario actúe como motor de crecemento económico e impulsar alianzas estratéxicas con tódolos axentes implicados
Xestionar os recursos de forma responsable e eficiente
Modernizar as infraestruturas sanitarias