Plan de inspección urbanística para o ano 2013

O Plan de inspección urbanística ten por obxecto determinar os obxectivos principais e as actuacións prioritarias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coa finalidade de mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadáns e de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da Axencia.

O consello executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, na súa reunión do 31 de xaneiro de 2013, aprobou o Plan de inspección urbanística para o ano 2013, que programa e coordina a actuación dos servizos da Axencia para mellorar a calidade e a eficacia no exercicio das súas funcións e para garantir a obxectividade e imparcialidade da súa actuación.

A través deste Plan de inspección urbanística para o ano 2013 a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística pon en marcha as actuacións dirixidas a evitar os ilícitos urbanísticos e a restaurar a legalidade vulnerada por estes, así como a vulnerada por infraccións da lei de costas. Os obxectivos principais do devandito plan son:

Promover o dereito dos cidadáns a un medio urbano e rural adecuado para o desenvolvemento da persoa, consonte o disposto no artigo 45 da Constitución, na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e na Lei 22/1988, de costas;
Evitar que se leven a cabo, sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a autorización autonómica esixida na LOUG ou na Lei de costas, obras de construción de novas edificacións ou de reconstrución, rehabilitación ou ampliación das existentes;
Colaborar activamente cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico;

Para a consecución dos obxectivos sinalados no artigo anterior, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística desenvolverá, entre outras, as seguintes actuacións prioritarias:

Actuacións para evitar os ilícitos urbanísticos

A vixilancia e inspección do territorio
O asesoramento xurídico-urbanístico aos concellos adheridos no ámbito das competencias propias da Axencia
A formación do persoal

Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos urbanísticos

A investigación de infraccións urbanísticas
A tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística
A execución das ordes de demolición
A tramitación de expedientes sancionadores