VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes. Estratexia 2013-2015

Están programadas 320 actuacións distribuídas en seis eixes principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade.

O VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes. Estratexia 2013-2015 é a ferramenta que recolle as metas e compromisos asumidos pola Administración galega na promoción da igualdade entre mulleres e homes neste trienio, a través da renovación e reestruturación das áreas prioritarias sobre as que se vai traballar, os obxectivos a conseguir en cada unha delas e as actuacións a desenvolver para o seu logro.

O deseño desta nova estratexia responde, como non podería ser doutro xeito, á análise da situación vixente e dos retos para o futuro no marco da estratexia da Unión Europea para a igualdade entre mulleres e homes, tendo en conta ademais as leccións aprendidas no desenvolvemento dos plans de igualdade anteriores.

Integran este VI Plan un total de 320 actuacións, distribuídas en seis eixes estratéxicos, das cales o 36,6% son de nova execución respecto de plans anteriores e/ou respecto das actuacións que estaban a desenvolver os departamentos administrativos implicados; algo máis do 40% refírese a actuacións que se viñan realizando pero que adquiren neste plan un novo enfoque, froito da súa adaptación ao principio de transversalidade de xénero, ou unha mellora nos seus contidos en coherencia cos obxectivos definidos.

O Plan estruturase en seis eixes principais:

Acción integral para combater a violencia de xénero. É o eixo que engloba un maior numero de actuacións, con case o 30 por cento das actividades do plan (91). Trátanse de accións de prevención e asistencia integral e coordinada a favor das mulleres vítimas e das persoas ao seu cargo, así como a través do apoio á súa independencia e integración social. Destaca o desenvolvemento do Observatorio Galego da Violencia de Xénero para estimular o estudo, avaliación e seguimento das políticas contra a violencia de xénero en Galicia; o impulso dunha Rede de Concellos contra a violencia de xénero que desenvolvan programas de prevención e abordaxe da violencia de xénero; e a promoción e apoio á posta en marcha dun recurso especializado na atención de menores vítimas de trata, fundamentalmente con fins de explotación sexual.
Mellora da gobernanza a favor da igualdade. O Plan recolle 50 actuacións e o compromiso polo desenvolvemento da transversalidade de xénero nas políticas desenvolvidas pola Administración galega, no deseño, execución, e seguimento de políticas das que mulleres e homes se beneficien de forma equivalente, contribuíndo ao progreso e benestar do conxunto da sociedade galega. Neste eixo destaca a realización dun programa de formación avanzada para os profesionais da Administración autonómica cunha relación máis directa co desenvolvemento da perspectiva de xénero na acción e nos servizos públicos; e o reforzamento do papel dos centros de información ás mulleres como axentes dinamizadores da igualdade entre homes e mulleres no ámbito local.
Cambio de valores e modelos para a igualdade. Neste eixo, o Plan contempla 72 actuacións encamiñadas a actividades de difusión, sensibilización e aprendizaxe que sirvan para concienciar a poboación, especialmente á mocidade, sobre a necesidade de comprometerse cun modelo social máis equitativo en xénero e adoptar unha actitude proactiva na súa cimentación por parte de todos e de todas. Neste apartado destaca o apoio á realización de actividades de coeducación dende as entidades locais dirixidas á poboación infantil e xuvenil, así como o desenvolvemento de ferramentas, materiais e outras iniciativas de información e orientación, dirixidas ao deseño e implantación dunha estratexia coeducativa integral nos centros educativos de niveis non universitarios, xunto coa posta en marcha dunha liña de asesoramento on line en materia de igualdade de xénero e coeducación a disposición dos centros educativos.
Aproveitamento do talento feminino. As actuacións para este eixo van desde concienciar sobre a necesidade colectiva de avanzar nunha plena participación das mulleres no mercado laboral e profesional ata o deseño de axudas que sirvan de estímulo á súa incorporación ao mercado do traballo e á consolidación da igualdade de trato e de oportunidades neste ámbito, pasando pola actualización ou reforzamento das competencias profesionais mediante a formación. De entre as 53 actuacións contempladas, destacan as liñas de subvencións para a posta en marcha de iniciativas empresariais de mulleres e para a creación de emprego feminino vinculado aos novos proxectos de empresa; o acompañamento en proxectos de renovación e relanzamento empresarial liderados por mulleres que estean orientados ao mantemento da promoción e da competitividade; e o apoio á introdución de melloras innovadoras e creativas nos proxectos de desenvolvemento empresarial liderados por mulleres.
Conciliación corresponsable e calidade de vida. Neste eixo englóbanse 27 actuacións dirixidas a promover unha asunción equilibrada entre ambos sexos dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares cos tempos dedicados ao traballo remunerado e á formación, así como ao ocio e á vida social. Como actuacións salientables destacan as subvencións destinadas a apoiar a organización de servizos, recursos e actividades complementarias que faciliten a adecuación dos horarios escolares cos horarios laborais das familias; así como á conciliación do exercicio profesional das mulleres emprendedoras e empresarias coa vida persoal e familiar.
Participación activa das mulleres na sociedade. O sexto e último eixo, engloba 27 actuacións dirixidas a facer máis visible a presenza feminina nos diferentes ámbitos da vida pública e social, a través dunha maior difusión das vantaxes da diversidade e da colaboración en igualdade, así como das experiencias e capacidades reais de liderado das mulleres. Neste apartado destaca o desenvolvemento de programas de estímulo á participación social e á visibilidade das mulleres en situación de especial vulnerabilidade; o fomento de programas de actividades por parte do movemento asociativo feminino que reforcen o principio de igualdade e favorezan o empoderamento e a participación das mulleres; ou a posta en marcha e desenvolvemento do Consello Galego de Mulleres como canle de participación efectiva destas na aplicación do principio de igualdade de xénero e na loita contra a discriminación.