A Xunta licita as melloras de acondicionamento previstas no edificio antigo dos xulgados da Parda

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, visitaron hoxe o inmoble, onde se realizarán melloras que afectarán sobre todo ás zonas da subdirección do Imelga e do xulgado de garda co obxectivo de mellorar o seu funcionamento e a calidade do servizo

Pontevedra, 4 de marzo de 2023

A Plataforma de Contratación do Sector Público publica hoxe a licitación das obras de reforma en distintas dependencias do antigo edificio dos xulgados de Pontevedra na Parda por valor duns 300.600 euros. O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido visitaron hoxe o inmoble e anunciaron que o inicio das obras se prevé para a comezos de xuño, unha vez finalice o 1 abril o prazo de presentación de ofertas e, a continuación, se tramite e formalice o proceso de adxudicación.

Segundo explicou o director xeral de Xustiza, os traballos incluirán a redistribución dos espazos interiores do edificio para adaptar os espazos destinados á subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e do xulgado de garda ás súas necesidades reais e ás demandas de novos usos, o que redundará nun mellor funcionamento das instalacións.

Deste xeito, as dependencias do Imelga trasladaranse á entreplanta do edificio na actual zona da biblioteca co obxectivo de ampliar a zona de atención á cidadanía. Este traslado permitirá contar con máis superficie para a área de atención ás persoas detidas. Ademais, instalarase unha sala Gesell neste espazo da subdirección do Imelga, onde precisamente traballan os equipos psicosociais que intermedian con xuíces, fiscais e demais partes representadas nos casos de testemuñas menores de idade ou doutras persoas especialmente vulnerables. Deste xeito, neste espazos especialmente acondicionado garantirase a protección e privacidade das vítimas durante a práctica de probas ou a toma de declaracións.

Por outra banda, actuarase no sistema de climatización das novas dependencias do xulgado de garda para acadar unha maior eficiencia enerxética. Ademais realizaranse cambios na sala de vistas e farase unha nova distribución de espazos cunha nova sala de entrevistas co detido.

Xunto coa subdirección do Imelga e o xulgado de garda o proxecto prevé outras melloras noutras estancias puntuais como a creación de novos espazos para a Policía Nacional e a Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais (UVEX), a redistribución de espazos no soto, a reforma da sala de vodas e a apertura dunha xanela na fachada para permitir ao persoal de mantemento o acceso á cuberta.

Cómpre lembrar que a posta en funcionamento do novo edificio xudicial da Parda en 2019 e o traslado dos xulgados repartidos pola cidade permitiu realizar una redistribución dos órganos xudiciais entre os dous edificios. O inmoble xa existente reservouse esencialmente para os órganos da xurisdición penal, a Fiscalía Provincial e o Imelga, trasladándose ao novo edificio os restantes órganos xudiciais.

O traslado ás novas dependencias abriu a posibilidade de dispoñer de novos espazos no edificio antigo, dotar aos xulgados da xurisdición penal de máis espazos para as oficinas e instalar salas para comparecencias e salas de espera para a cidadanía e os profesionais.

Un dos órganos beneficiarios desta distribución foi a Fiscalía provincial de Pontevedra, que veu duplicada a súa superficie ocupando o cuarto andar -espazo no que anteriormente estaban os xulgados do Penal e de Menores- e tamén o quinto. A Xunta destinou 90.000 euros á dotación de máis despachos aos fiscais de área, a ampliación das oficinas e dos arquivos e a creación dun espazo diferenciado para a Fiscalía de Menores.

Data de actualización: 04/03/2024