O conselleiro do Medio Rural en funcións trasladou os seus parabéns tanto á organización destes galardóns como á iniciativa recoñecida este ano

A Xunta reafirma o seu compromiso co agro galego na entrega do premio Aresa de desenvolvemento rural á mostra exposición de Muimenta ‘Moexmu’

José González puxo en valor a longa traxectoria dos premios Aresa e da Moexmu no contexto do recoñecemento do esforzo, o traballo e o talento a prol do rural da nosa comunidade

Sinalou que a aposta da Xunta polo sector primario intensifícase nas circunstancias máis complexas, como as actuais, e advertiu que “as institucións teñen que servir, en todo caso, para facilitar a actividade, nunca para obstaculizala”
 

Lugo, 1 de marzo de 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reiterou hoxe o compromiso da Xunta co rural galego e por “seguir apoiando todos os proxectos encamiñados a melloralo, porque ese é, precisamente, o noso traballo e toda iniciativa que vai nese camiño será positiva”. Así o sinalou González no acto de entrega do XXIV premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que tivo lugar esta tarde na Facultade de Veterinaria de Lugo. Neste evento, o conselleiro estivo acompañado por José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Álvaro Rodríguez, presidente de Aresa, e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entre outras autoridades.

Na súa intervención, José González agradeceu o labor e deu os parabéns tanto aos promotores deste galardón como á Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), iniciativa premiada este ano. En relación con estas distincións, o titular de Medio Rural en funcións puxo en valor os 24 anos de traxectoria dos premios Aresa e o feito de que recoñecen o esforzo, o traballo e o talento a prol do desenvolvemento rural en Galicia.

Con respecto á Moexmu, o conselleiro salientou tamén o seu longo percorrido (acadou xa as 40 edicións) “como punto de referencia en Galicia dun sector tan primordial para nós como é o primario” e reafirmou o apoio da Xunta a este evento. Neste mesmo sentido, José González lembrou que o Goberno galego destina este ano un total de 200.000 euros ás axudas para apoiar a celebración de certames gandeiros por parte dos concellos.

Circunstancias complexas

Nesta liña, o conselleiro sinalou que a aposta da Xunta polo sector primario intensifícase nas circunstancias máis complexas, como as actuais, porque -advertiu- “sabemos que moitos gandeiros e agricultores galegos se teñen sumado ás demandas das que nós mesmos nos facemos eco”. E engadiu, neste contexto, que “as institucións teñen que servir, en todo caso, para facilitar a actividade, nunca para obstaculizala”.

José González rematou a súa intervención reiterando os parabéns a Moexmu e, en especial, á comisión organizadora e á Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta. Tamén felicitou a todas as persoas implicadas nas diferentes candidaturas presentadas -doce en total- e, en definitiva, “a todos os vinculados nesta responsabilidade e neste esforzo por motivar o desenvolvemento rural”.

Premios Aresa

Os premios Aresa creáronse no ano 2000 a raíz da colaboración entre a empresa Aresa e o Campus Terra da USC, con fin de “recoñecer o labor de persoas, empresas e/ou institucións que contribuíran de maneira destacable á mellor do ámbito rural de Galicia”. Todo isto, dende tres eixos: mellorando o benestar da xente que vive no campo; recoñecendo e incentivando o I+D+i nos ámbitos agrícola e gandeiro e prestando especial atención á sustentabilidade dos recursos naturais e o respecto á natureza.

Entre os recoñecidos con este galardón figuran entidades como a propia Facultade de Veterinaria da USC, Asoporcel, o Craega ou o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa; persoeiros, coma José Manuel Silva Rodríguez, ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, ou Javier Guitián, catedrático de Bioloxía da USC; ou empresas, caso de Casa Grande de Xanceda, Alibós Galicia ou Champivil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024