Alfonso Villares mantén un encontro co novo comandante ao mando da Forza de Acción Marítima de Ferrol

Ferrol, 01 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo unha xuntanza co novo comandante ao mando das Unidades da Forza de Acción Marítima de Ferrol e Comandante Naval de A Coruña e Ferrol (Marfer), o capitán de Fragata Javier García, nomeado a finais do ano pasado. Durante a reunión, que tivo lugar nas dependencias do Arsenal Militar de Ferrol, o responsable autonómico abordou as diferentes vías de colaboración existentes na actualidade coa Armada e amosou a súa disposición de estreitalas no futuro. O titular de Mar puxo en valor o traballo dos militares españois en zonas de conflito e que contribúen como parte de misións internacionais á seguridade de espazos marítimos onde operan buques tripulados por galegos.

O Marfer é o mando orgánico dos Patrulleiros, Remolcadores e Unidades Auxiliares con base de estacionamento en Galicia e da Unidade de Mergullo de Ferrol á vez que desempeña os labores de Comandante Naval da área de Ferrol e a Coruña. Co desempeño das súas funcións contribúe a reforzar a presenza da Armada no litoral galego en favor da seguridade marítima dos barcos que transitan pola nosa costa, estando en permanente coordinación con todos os actores institucionais con competencias na mar e con aqueles de carácter civil non oficiais cuxas actividades teñan que ver coa mar.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 01/03/2024