Alfonso Villares pon en valor a calidade e sabor do peixe e marisco galegos e anima a que os consumidores conten máis con estes alimentos nos seus pratos

Ferrol, 01 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a excelente calidade e sabor do peixe e marisco galegos e as súas propiedades nutritivas con importantes beneficios para a saúde e exhortou a consumir estes alimentos á vez que reivindicou a dieta atlántica como exemplo de hábito saudable. O titular de Mar realizou estas manifestacións acompañado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, durante a visita ao Mercado da Magdalena onde trasladou ás peixerías do recinto comercial a campaña AMAR GALICIA co obxectivo de promover a confianza na calidade dos produtos do mar, resaltar a súa variedade e promover o seu consumo.

O conselleiro fixo un recoñecemento as peixerías e as persoas que as rexentan, que coa súa relación directa e de confianza cos clientes, xogan un papel fundamental na promoción dos alimentos mariños, contribuíndo a que cada día estean máis presentes. Alfonso Villares puxo en valor o protagonismo dos fogares e establecementos hostaleiros á hora de difundir as bondades e a altísima calidade dos produtos do mar galegos. Nesta liña, sinalou que nada diso sería posible sen o traballo e compromiso do conxunto dos máis de 50.000 profesionais que traballan nas diferentes etapas da produción pesqueira que aglutina, desde a captura, cultivo e recolección da materia prima á súa transformación e posterior distribución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024