A Xunta de Galicia desactiva o Plan Camgal pola baixa incidencia de pellets na costa galega

Os técnicos do Cecop informaron que, a pesar das condicións oceanográficas dos últimos días favorables a novas entradas de granulado plástico á costa galega, non se apreciou novas chegadas significativas

Estase elaborando un informe técnico final onde se recollerán as actuacións realizadas desde a activación do plan polos diferentes departamentos e incluirá posibles recomendacións de mellora do plan

Santiago de Compostela, 01 de marzo de 2024

O Centro de Coordinación Operativa do Plan Camgal (Cecop) celebrou unha reunión técnica presidida polo subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, en calidade de director do plan, para avaliar a situación actual respecto á vertedura de pellets provocada pola perda de parte da carga do mercante Toconao ante as costas de Portugal. Alí os coordinadores dos grupos de resposta en terra e mar informaron que, a pesar das condicións oceanográficas favorables para a entrada de máis material á costa galega nos últimos días, non se apreciou novas chegadas significativas de máis granulado. Atendendo a información proporcionada o director do Camgal comunicou a decisión de desactivar o citado plan o que será notificado á Delegación do Goberno.

Esta medida ven precedida da rebaixa do nivel de alerta ao nivel 1 o pasado 25 de xaneiro dado que xa se estaba a constatar a redución notable da presenza de granza non alcanzaba as ratios mínimas recomendadas polos organismos internacionais para a súa recollida, polo que se apostou por unha desescalada progresiva dos medios de limpeza e por unha vixilancia que permita actuar con velocidade ante calquera cambio. O director do Camgal sinalou que estase elaborando un informe técnico completo onde se recollerá con detalle as actuacións realizadas desde a activación do Plan por parte dos diferentes departamentos autonómicos implicados ata hoxe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024