A Xunta concedeu máis de 461.000 euros a 18 concellos lucenses para mellorar a recollida e reciclaxe de biorresiduos

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de 2023

As achegas van destinadas a financiar proxectos de implantación, ampliación ou mellora da separación en orixe da fracción orgánica, así como iniciativas de reciclaxe e compostaxe

Lugo, 3 de marzo de 2024

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da orde de axudas de 2023 dirixidas a entidades locais para mellorar a recollida e reciclaxe de biorresiduos. En Lugo as achegas suman 461.400 euros distribuídos entre 18 concellos.

A convocatoria recollía dúas liñas de actuación: unha delas para financiar iniciativas de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada do lixo orgánico; e a outra para fomentar a separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria.

Na provincia hai sete municipios beneficiarios das dúas liñas – Foz, A Pobra do Brollón, Castroverde, Antas de Ulla, Viveiro, Láncara e Sarria -; cinco da primeira – Chantada, Castro de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Xove e Monforte de Lemos; e seis da segunda – Guitiriz, A Fonsagrada, Outeiro de Rei, Xermade, A Pontenova e Ourol -.

O primeiro programa tiña por obxecto financiar a compra de caldeiros, bolsas compostables, sacas reutilizables, contedores para a vía pública, sistemas de recollida porta a porta, camións de recollida sempre que sexan eléctricos ou de biogás de orixe renovable, e tamén campañas de información e sensibilización á poboación.

No marco da segunda liña de actuacións, entre os gastos subvencionables figuraban as biotrituradoras, os composteiros comunitarios, os caldeiros domésticos así como outro material necesario para compostar como, por exemplo, aireadores, termómetros ou tamizadores.

Estas subvencións poden cubrir ata o 90 % do custo subvencionable dos proxectos. Como novidade, a convocatoria de 2023 abría a posibilidade de resolver a concesión a medida que se ían rexistrando e comprobando as solicitudes. A finalidade era axilizar a tramitación para axudar aos concellos a implantar a recollida separada dos biorresiduos en cumprimento da normativa europea de xestión de residuos municipais.

Data de actualización: 03/03/2024