O conselleiro do Medio Rural en funcións clausurou o Simposio internacional “As frondosas autóctonas: a resiliencia do sector forestal?”, celebrado en Lugo

A Xunta anima a intensificar a colaboración público-privada no sector forestal galego a prol da valorización das frondosas

José González definiu esta liña de traballo como un “reto de futuro”, tendo en conta “a importancia que estas masas arbóreas teñen no territorio, na prevención de incendios, na sustentabilidade e na biodiversidade dos nosos montes”
 

Explicou que esta coordinación xa se plasma no Plan estratéxico da industria forestal-madeira, na que se actuou “por partes, afondando primeiro no coñecemento do recurso para logo saber onde colocalo, pola vía do produto”
 

Puxo en valor as ferramentas da Lei de recuperación da terra, e especialmente as agrupacións forestais de xestión conxunta, como fórmula para loitar contra o minifundismo e a fragmentación da propiedade
 

Anunciou tamén que a Xunta vai incrementar en 1,2 millóns de euros o crédito das axudas en vigor para a mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas, ata chegar a case os 2 millóns de euros
 

Lugo, 1 de marzo de 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, salientou hoxe a aposta da Xunta polo peche dos ciclos industriais da madeira en Galicia, de forma que “sexamos quen de transformar e dar maior valor engadido aos nosos recursos endóxenos”, como son as frondosas autóctonas, que constitúen a base do crecemento e da resiliencia do sector forestal.  

O conselleiro interveu na clausura do Simposio internacional “As frondosas autóctonas: a resiliencia do sector forestal?”, celebrado esta semana en Lugo, un acto no que estivo acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

 

Na súa intervención, José González empezou por poñer de relevo a importancia do sector forestal en Galicia, con datos como as súas 1.500 empresas, os 2.700 millóns de euros de facturación ou a xeración de practicamente 20.000 empregos. E reiterou a decidida aposta da Xunta “por un sector que xera valor engadido, moitos postos de traballo e que contribúe á biodiversidade e tamén á sustentabilidade do noso rural”. 

Neste contexto, o conselleiro advertiu que “temos unha industria moi adaptada ás coníferas, pero cómpre intensificar o esforzo sobre as frondosas”, polo que definiu como reto de futuro para o sector galego o de valorizar estas masas, especialmente aquelas de 20 ou 30 anos ou menos, que se atopan en zonas de semi abandono. Salientou ademais que a superficie de frondosas de Galicia está, fundamentalmente, en terreos de propiedade privada, con moita fragmentación da propiedade, o que supón unha maior complexidade á hora de realizar o seu aproveitamento. Por iso, destacou o labor que se fai a través das diferentes figuras da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que no eido forestal teñen como elemento destacado “as agrupacións de xestión conxunta” para loitar contra o minifundismo, destacou. 

Nesta mesma liña, o conselleiro indicou que “neste intre temos case 500 hectáreas de soutos en estado de infrautilización, nas que fomos quen de convencer os seus propietarios para que constitúan esas agrupacións”. E engadiu que, para poñer en marcha estas entidades, “nos serve case calquera instrumento xurídico admisible en dereito”, desde as asociacións sen ánimo de lucro ata as asociacións de propietarios, comunidades de bens ou sociedades civís, pero que “o que queremos é conseguir que se agrupe a propiedade, para poder actuar no territorio”. 

A maiores, o conselleiro fixo especial fincapé na “colaboración e coordinación público-privada”, que -dixo- se plasma en iniciativas coma o Plan estratéxico da industria forestal-madeira. Para esta planificación, subliñou, “actuamos por partes, afondando primeiro no coñecemento do recurso para logo saber onde colocalo, pola vía do produto”. 

Como conclusión, González fixo un chamamento ao sector para que “entre todos fagamos o esforzo de impulsar esa valorización das frondosas autóctonas, pola importancia que teñen no territorio, na prevención de incendios, na sustentabilidade e na biodiversidade dos nosos montes”. 

Neste contexto, o titular de Medio Rural en funcións avogou por seguir convocando, dende a Xunta, liñas de axudas de apoio ao sector. E defendeu o aval que neste sentido supón a achega, por parte do Goberno galego, de preto de 25 millóns de euros só no último ano para a industria forestal-madeira na nosa comunidade, así como de cinco millóns de euros para fomentar a construción en madeira, a través dunha orde de axudas de carácter bianual, para o período 2024-2025. Neste sentido, precisamente hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de 2024 das axudas para impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia, dotada cun orzamento de 800.000 euros. 

Todo isto, subliñou González, vai orientado cara o produto, pero tamén se traballa no recurso. Así, mencionou que a Xunta vai incrementar en 1,2 millóns de euros o crédito das axudas para a mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas. Deste xeito, a dotación destas subvencións -que contan con dúas liñas, unha destinada á rexeneración ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas e outra centrada na xestión forestal sostible para usos silvopastorais nas mesmas- pasará dos 680.000 ata case os 2 millóns de euros. Ao tempo, tamén se ampliará un mes o prazo de presentación de solicitudes, ata o vindeiro día 8 de abril. 

Mercado voluntario de créditos de carbono

Neste mesmo sentido, o conselleiro lembrou tamén que Galicia é a primeira comunidade española que regulará o mercado voluntario de créditos de carbono, no seo da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia -Utility-, xunto a un decreto de desenvolvemento “que estamos ultimando”, remarcou González.  

Última xornada do simposio

A última xornada deste simposio estivo centrada na transición dixital e nas estratexias rexionais de frondosas que se están a aplicar en Europa. Deste xeito, a sesión sobre dixitalización contou con representantes de diferentes empresas do sector, así como da propia Axencia Galega da Industria Forestal. Pola súa banda, a dedicada ás estratexias rexionais participaron expertos de Francia, Bélxica e Navarra, xunto a unha responsable da Organización europea de serradoiros. 

Nesta cita internacional -que tivo lugar ao longo dos últimos tres días na sede da UNED en Lugo- participaron expertos de Galicia e doutras partes de España, ademais de conferenciantes de ata oito países europeos diferentes. O obxectivo deste foro facilitar a posta en común das diferentes perspectivas europeas neste eido e favorecer o debate arredor das ferramentas de apoio á toma de decisións e avaliacións de resiliencia, para seguir mellorando a cadea de valor forestal en Galicia. 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024