A Xunta potencia o Plan Obesidade Zero en Galicia coa creación da súa comisión técnica de seguimento e avaliación

O plan deseñado pola Dirección Xeral de Saúde Pública ten entre os seus obxectivos reducir a prevalencia de sobrepeso nun 15 % en 2030

A Comisión Técnica do plan estará composta por persoal da Consellería de Sanidade, de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, da Fundación Deporte Galego e a persoa coordinadora de dietistas-nutricionistas do Sergas

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a orde pola que se crea e se regula a Comisión Técnica para o seguimento e a avaliación do Plan Obesidade Zero en Galicia para potenciar o seu desenvolvemento.

O Plan Obesidade Zero, presentado ante o Parlamento de Galicia en 2022, ten a misión de mellorar o acceso ao coñecemento sobre hábitos de vida saudables e a contornas seguras e promotoras de saúde, ademais dunha oferta accesible e de calidade de produtos saudables. Así, establécese como un medio que permita reducir o sobrepeso e a obesidade en Galicia e mellorar a saúde individual e comunitaria. Entre os seus obxectivos, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade estableceu reducir o sobrepeso nun 15 % da poboación galega no 2030, isto é que 189.000 persoas deixen de ter sobrepeso ou obesidade.

Na liña de levar a cabo a necesaria avaliación e seguimento do plan, créase a Comisión Técnica como órgano colexiado interno, formada por oito persoas dun ámbito multidisciplinar. A presidencia corresponderá á directora xeral de Saúde Pública, nas vogalías designarase a profesionais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e das xefaturas territoriais de Sanidade, ao Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ao titular da Fundación Deporte Galego, á directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria e á coordinadora de dietistas-nutricionistas do Sergas.

Entre as funcións desta comisión está aprobar o plan anual de actividades do Plan Obesidade Zero e promover a intervención doutras entidades que desexen colaborar con intereses comúns en hábitos de vida saudables.

Así, dáse cumprimento a unha das misións da Dirección Xeral de Saúde Pública, como é a mellora da saúde da poboación galega desde unha perspectiva comunitaria. Para iso, entre outras accións, identifica perigos para a saúde, os problemas de saúde e as poboacións máis susceptibles, e, de acordo coas políticas de saúde da Comunidade Autónoma de Galicia, propón, planifica e, se procede, desenvolve programas e actuacións para controlar os riscos de enfermar.

Contacto establecido con 51 concellos

Promover a saúde nos barrios é un dos obxectivos do Plan Obesidade Zero e para iso en 2023 creouse a Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps). Formada por un equipo de coordinación de tres facultativos especialistas de área de medicina preventiva e saúde pública e unha dietista-nutricionista, a Regaps conta con representantes da rede a nivel local nas sete áreas sanitarias integrado por sete terapeutas ocupacionais e sete traballadoras sociais. De feito, con motivo do Día Mundial da Obesidade que se conmemora o 4 de marzo, este luns a Regaps en colaboración coas áreas sanitarias do Sergas contarán con nutricionistas en mesas informativas en todos os hospitais e en centros de atención primaria.

Así, a rede ten como función identificar os recursos locais e actividades relacionadas coa promoción da saúde a nivel comunitario de cada municipio. Ata o momento, téñense establecido contactos con 51 concellos para difundir a rede e acordar propostas de actuación específicas.

Ademais, acaba de ser publicada a web do Observatorio de Saúde Pública de Galicia que inclúe o mapa ‘Atopa saúde’ no que está identificado preto dun milleiro de recursos e actividades que promoven hábitos de vida saudable. Con esta ferramenta, facilítase a prescrición social na comunidade e nos centros de saúde en base ás necesidades e preferencias dos e das pacientes segundo a súa idade ou localización.

Do mesmo xeito, tanto a disposición da cidadanía como do persoal sanitario, habilitouse a plataforma dixital Sanidade Mediaverso para o fomento de factores protectores do sobrepeso e a obesidade como son a actividade física, a alimentación saudable, a hixiene do sono, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas. Con vídeos, aplicacións móbiles ou gafas de realidade virtual achéganse hábitos de vida saudable nun formato atractivo para a mocidade e con opcións igualmente útiles para as persoas maiores e adultas en xeral.

Ao mesmo tempo, o Plan Obesidade Zero en Galicia incide no ámbito da investigación coa creación o ano pasado da Cátedra de Vida Saudable. Así, a Xunta destina 100.000 euros en catro anos para que a Universidade de Santiago de Compostela poda xerar evidencia científica e foros académicos sobre a promoción da saúde e envellecemento activo, así como promover hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria. Esta cátedra actuará como eixo de colaboración entre o persoal investigador, o profesorado da USC e os profesionais sanitarios e non sanitarios do sistema público galego.

Data de actualización: 03/03/2024