A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, visitou hoxe o centro terapéutico desta entidade en Cee

A Xunta apoia a Afafes na atención ás persoas con Alzheimer da Costa da Morte a través da orde de axudas con cargo ao 0,7 % do IRPF

Na última convocatoria beneficiáronse dunha axuda de máis de 60.000 euros para seguir mellorando os seus servizos

Cee (A Coruña), 1 de marzo de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, visitou esta mañá o centro terapéutico da Afafes Alzheimer no concello de Cee. Durante a visita lembrou que o Goberno galego apoia a esta entidade a través da orde de axudas con cargo ao 0,7 % do IRPF para mellorar os seu servizos de atención a persoas con Alzheimer da Costa da Morte.

 

En concreto, na última convocatoria esta entidade recibiu axudas de máis de 60.000 euros para facer renovacións nas súas instalacións. A conselleira destacou que Afafes logrou en menos dunha década converterse nunha entidade de referencia para as persoas con Alzheimer desta comarca e, por iso, sinalou que a Xunta continuará axudándoos en todos aqueles proxectos que se propoñan.

 

Así mesmo, Fabiola García fixo fincapé en que Galicia é a única Comunidade que conta cunha rede autonómica de centros de día de Alzheimer que duplicou as súas prazas desde o ano 2009 ata superar as 500. Unhas instalacións coas que, apuntou, se axuda ás persoas con esta doenza e ás súas familias a previr, atender e asesorar sobre o tratamento do Alzheimer.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024