O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe coa alcaldesa do municipio, Ánxela Fernández, o convenio de adhesión a esta iniciativa

A Xunta segue a estender por toda Galicia o programa Xantar na Casa coa incorporación do concello de O Rosal

Inicialmente ata dez persoas recibirán nos seus fogares o menú para os sete días da semana, festivos incluídos. Esta cifra poderá ampliarse se así o estiman os servizos sociais da localidade

Na actualidade, o programa supera os 2.000 usuarios de alta en toda a comunidade

O Rosal (Pontevedra), 1 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia continúa ampliando o número de municipios que contan co programa Xantar na Casa, servizo de comida a domicilio que facilita e garante unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores, dependentes e en risco de exclusión social. O último en incorporarse é O Rosal despois de que hoxe o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinara coa alcaldesa do concello, Ánxela Fernández, o convenio de adhesión a esta iniciativa.

 

O acordo fixa que inicialmente ata dez persoas recibirán nos seus fogares o menú para os sete días da semana, festivos incluídos. Esta cifra poderá ampliarse cando sexa necesario e así o estimen os servizos social do Concello, que son os encargados de seleccionar aos beneficiarios do programa. Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo de Xantar na Casa “é asegurar que toda persoa que o precise reciba na súa vivenda unha comida san e equilibrada”.

 

Neste sentido, o xerente do Consorcio explicou que a comida repártase nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana, polo que o destinatario soamente ten que quentala antes de consumila. Aos usuarios do programa tamén se lles facilitan os electrodomésticos que necesiten no caso de que careza deles, como neveira e microondas. Son os servizos sociais do Concello os que determinan cales son as persoas beneficiarias. A Xunta encárgase de financiar o 50 % do custe da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do Concello e dos usuarios a partes iguais.

 

O número de usuarios de alta no Xantar na Casa supera na actualidade as 2.000 persoas e o número de concellos adheridos a este programa sitúase por riba dos 200.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024