O DOG publica a resolucións das axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, con 3,7 millóns de euros

Estas achegas teñen como obxectivo mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización

Grazas a estas achegas pódense financiar con elas todo tipo de instalacións e investimentos de uso común, tanto de reforma como de nova construción, pero que supoñan unha redución dos custos de produción ou incrementen a súa produtividade

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola cal se destinan 3.727.844,19 euros a sete cooperativa a través das axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo no agro galego. Cómpre lembrar que estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

A finalidade destas subvencións, que están destinadas ás cooperativas agropecuarias, é mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, co fin de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ademais, tamén se busca reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

As axudas van dirixidas a cooperativas agrarias, que poden financiar con elas todo tipo de instalacións e investimentos de uso común, tanto de reforma como de nova construción, pero que supoñan unha redución dos custos de produción ou incrementen a súa produtividade. Tamén son financiables cuestións como a compra de terreo, os honorarios técnicos ou as licenzas.

 

A maior novidade desta convocatoria, en relación ás anteriores, foi a esixencia dun mínimo de 10 socios nas cooperativas solicitantes. Ao tratarse dun réxime de concorrencia competitiva, para a concesión das subvencións aplicouse un baremo de puntuación, no que se tiveron en conta cuestións como o número de explotacións agrícolas na cooperativa, investimentos en aforro enerxético, a súa limitación con zonas naturais ou a porcentaxe de mulleres que haxa na asociación.

 

Compromiso da Xunta a prol do asociacionismo das explotacións agrarias

Mediante axudas coma estas materialízase o compromiso da Xunta de Galicia a prol do asociacionismo das explotacións agrarias, para facilitar o seu acceso á produción e a modernización dos procesos inherentes ao sector. Neste sentido, refórzase o asociacionismo como compoñente esencial nunha agricultura competitiva, sustentable e orientada ao mercado global. No período 2016-2023 a Xunta destinou a estas axudas preto de 19 millóns de euros.

 
Ligazón á resolución no DOG:
 
Data de actualización: 01/03/2024