A Xunta colabora na quinta edición de Biocultura para destacar a aposta pola produción ecolóxica

O evento celebrarase dende mañá ata o domingo en EXPOCoruña, e conta coa participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente de Medio Rural

Nesta quinta edición, a feira reúne arredor uns 150 expositores vencellados co eido da alimentación bio, ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible e benestar
 

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, estará presente na quinta edición da feira BioCultura, que se celebrará durante esta fin de semana -dende mañá, 1 de marzo, ata o domingo 3- no recinto de EXPOCoruña.

A Xunta colabora co evento coa organización de actividades vencelladas coa produción ecolóxica, ademais de apoiar a presencia de quince operadores galegos coordinados polo o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), amosarán a calidade da produción ecolóxica con produtos lácteos, cárnicos, repostería ou conservas.

Entre as actividades que promoverá a Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará este fin de semana a presentacións de cociña con alimentos ecolóxicos, realizadas por cociñeiros de comedores escolares participantes na campaña “Come Local” -que contará a maiores cun posto con presenza de quince operadores-, que farán unha demostración de como integrar este tipo de produtos nos menús escolares.
 
Ademais, realizarase unha demostración de proxectos de produción ecolóxica, a cargo de operadores que foron beneficiarios das axudas para grupos operativos. Logo da presentación, os asistentes poderán degustar produtos de participantes no proxecto.
 
No marco de BioCultura, e dentro das actividades impulsadas pola Xunta, celebrarase tamén unha mesa redonda sobre as posibilidades de venda de produtos a granel ecolóxicos por parte dos comercializadores, na que se debaterá a nova normativa sobre a comercialización de graneis ecolóxicos. Este faladoiro contará coa presencia de representantes do sector produtor, a gran distribución ou pequeno comercio.

Ecoturismo e produtos ecolóxicos

BIOCultura é un referente a nivel nacional no sector do ecoturismo e os produtos ecolóxicos. Nesta quinta edición, a feira reúne na Coruña arredor duns 150 expositores vencellados co eido da alimentación bio, ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible e benestar. A oferta deste evento compleméntase cun centenar de faladoiros e unha ampla variedade de actividades complementarias relacionadas con estes sectores.

Data de actualización: 29/02/2024