A filmoteca de Galicia celebra o Día da Muller durante todo o mes de marzo con 26 traballos de dirección feminina

A nova edición do ciclo ‘Olladas de muller’ inclúe 15 títulos e ábrese o día 5 cun coloquio con Jaione Camborda e Laura Ferrés seguido da proxección das curtas Rapa das Bestas e Los desheredados

A carteleira mensual principia mañá cunha sesión especial de Lois Patiño no Planetario da Casa das Ciencias

O xoves 21 comezará unha retrospectiva da cineasta estadounidense Su Friedrich baixo o nome de ‘Lazos que unen’

A Coruña, 29 de febreiro de 2024

A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente.

 

Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.

 

Outras tres longametraxes completan o ciclo: as recentes películas Secaderos, de Rocío Mesa, e Entre las higueras, de Erige Sehiri, xunto a recuperación dun clásico do feminismo dos anos 70 como é Not a Pretty Picture, de Martha Coolidge. O sábado 9, a filmoteca ofrece unha sesión de seis curtametraxes dirixidas por mulleres galegas e portuguesas.

 

Experiencia sensorial

Antes de Olladas de Muller, a carteleira mensual arranca mañá venres ás 18,00 h. cunha sesión especial de Lois Patiño no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, baixo o título Luces recorren mi garganta. Trátase dunha experiencia sensorial, para a que se utilizará como pantalla de proxección a cúpula circular do edificio e na que o cineasta vigués propón un xeito diferente de ver a súa obra a partir de fragmentos de El sembrador de estrellas e Sycorax.

 

A actividade volverá á sede da cinemateca da Xunta ás 20,30 h. cun pase do filme Sanz y el secreto de su arte, de Maximiliano Thous e Francisco Sanz, en colaboración con Filmoteca de Valencia e no marco da difusión dos arquivos que atesouran as filmotecas do resto de España.

 

Xa o sábado 2, ás 18,00 h e con entrada tamén de balde, terá lugar un apartado Off Galicia dedicado a Nela Fraga, na que a cineasta galega presentará o seu filme en Súper 8 Exposed.

 

A mirada feminista de Su Friedrich

Olladas de muller non será a única presenza feminina durante o mes que comeza. Entre finais de marzo e comezos de abril, baixo o título Lazos que unen, a Filmoteca de Galicia dedícalle unha sección á cineasta estadounidense Su Friedrich, organizada coa colaboración do Festival Punto de Vista de Pamplona. Haberá tres sesións os días 21, 22 e 26 de marzo coa proxección de seis películas. Os filmes Gently Down the Stream e Hide and Seek da directora serán os primeiros incluídos nesta retrospectiva.

 

Su Friedrich naceu en New Haven (Connecticut) en 1954. Licenciada en Arte e Historia da Arte, en 1976 mudouse a Nueva York para desenvolver o seu traballo como fotógrafa. Xusto ao ano seguinte descubriría a súa verdadeira vocación nun curso de cine en Súper 8 no Millennium Film Workshop. Do Súper 8 das primeiras curtas pasou aos 16 mm e, desde 2004, filma en dixital. Escritas, filmadas, montadas e sonorizadas por ela (salvo algunha excepción puntual), nas súas películas presta especial atención á unión de textos, sons e imaxes de variada procedencia. Os seus traballos teñen a virtude de resultar accesibles tanto a público cinéfilo como xeral, incluso a persoas non afeitas ao cine experimental, feminista ou queer.

 

Máis de Kaurismäki e Pedro Costa

A Filmoteca de Galicia continuará tamén o ciclo protagonizado por Aki Kaurismäki que o propio director finlandés inaugurou presencialmente o pasado 7 de febreiro. Desta volta, proxectaranse Contraté un asesino a sueldo (días 14 e 15), La vida de Bohemia (días 19 e 20), Agárrate el pañuelo, Tatiana (días 21 e 27) e un programa con varias das súas curtas (días 22 e 26).

 

Finalmente, en marzo remata o programa Cancións de Pedro Costa, dedicado ao cineasta portugués. O día 12 proxectarase Fueros Humanos, de Frank Borzage, e o día 13 a película Juventude em Marcha. Ademais, o sábado 16 haberá unha sesión de tres curtas, onde o último traballo de Costa, As Filhas de Fogo, compartirá pantalla con La Morte Rouge, de Víctor Erice, e Puissance de la parole, de Jean-Luc Godard.

 

Creacións galegas, animación e novas dixitalizacións

Ademais, a sección Fóra de serie ofrecerá o día 14 o filme Don Juan, de Serge Bozon; o día 19 os títulos Alicia fai cousas, de Ángel Santos, Din que non falas, de Santos Díaz, e Por la pista vacía, de Pablo García Canga; e o día 20, o último filme de Pablo García Canga, Las tierras del cielo, presentado polo propio autor.

 

Dentro de Filmoteca Jr, o público familiar ten unha cita o día 23 co programa Dunia y otros cuentos del mundo, coa proxección dos filmes de animación Dunia, Cinema Rex, America e Bango Vassil.

 

A nova entrega da sección Materiais para unha historia do cinema en Galicia trae o 15 de marzo a dixitalización de Un viaje por Galicia, un documental gravado entre 1953 e 1958 nas viaxes á terra que fixo Manuel Arís, galego emigrado en Montevideo. Dentro deste novo apartado, a Filmoteca ten como obxectivo compartir co público parte do seu arquivo, facendo fincapé nas restauracións e dixitalizacións realizadas ao abeiro do Hub Audiovisual de Galicia, financiado no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19.

 

As sesións do ciclo Olladas de muller, Materiais, As filmotecas presentan e Filmoteca Jr. son de entrada gratuíta. Para o resto, estarán á venda no despacho de billetes do número 10 da rúa Durán Loriga desde 20 minutos antes do inicio da correspondente proxección, cun máximo de dúas entradas por persoa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024