A Xunta destina máis de 2,2 M€ a axudar aos concellos a rehabilitar vivendas e destinalas a alugueiro social

Rueda resalta que isto permite seguir incrementando o parque residencial “con prezos de alugueiro accesible” para familias ou persoas con poucos recursos

Salienta que os concellos de menos de 20.000 habitantes poderán recibir ata 57.000 € para recuperar “vivendas de titularidade municipal en desuso”

Tamén se subvencionará a rehabilitación de edificacións no rural, públicas ou privadas, que non reúnan as mínimas condicións de habitabilidade

Desde a posta en marcha deste programa, o Goberno galego apoiou xa a máis dun cento de concellos na recuperación de 352 vivendas destinadas a alugueiro social
 

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai destinar este ano máis de 2,2 millóns de euros a axudar aos concellos a rehabilitar vivendas e poñelas en alugueiro social. O obxectivo, segundo resaltou, é seguir incrementando o parque residencial á disposición dos colectivos máis vulnerables “con alugueiros a prezos accesibles”.

Estes fondos canalizaranse a través dunha orde de axudas que publicará no mes de marzo a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, tras recibir esta mañá o visto e prace do Consello da Xunta.

A convocatoria inclúe dous programas diferenciados aínda que co obxectivo común de apoiar ás entidades locais galegas na execución de obras de rehabilitación con fins residenciais para atender as necesidades da súa poboación e, en especial, para facilitar o acceso a un fogar de familias e persoas con escasos recursos económicos.

Concretamente, tal e como explicou Rueda, a convocatoria de 2024 reserva 1,85 millóns de euros ás axudas a concellos de menos de 20.000 habitantes “para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal que xa non están en uso, como poden ser as antigas casas dos mestres, e destinalas a alugamento social”.

A Xunta poderá chegar a subvencionar ata o 95 % do custo da actuación con incentivos de 50.000 euros con carácter xeral ou de 55.000 euros se a edificación está nun conxunto histórico ou nalgún dos Camiños de Santiago, contías que se incrementarán ata os 52.000 e os 57.000 euros, respectivamente, se o inmoble pertence ao ámbito dalgunha das sete Áreas de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe) declaradas actualmente en Galicia.

Ademais, os adxudicatarios das vivendas resultantes deberán ser persoas ou familias que teñan ingresos inferiores a 2,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem), é dicir, 21.000 euros ao ano.

En canto á outra liña de axudas, o programa de infravivenda, vai dirixida a municipios de menos de 10.000 habitantes e, polo tanto, eminentemente rurais. Cun orzamento asignado de 370.000 euros, a Xunta cubrirá tamén ata o 95 % das obras —cun límite de 15.000 euros— destinadas a rehabilitar elementos exteriores, mellorar as condicións estruturais, a seguridade ou a accesibilidade dos inmobles ou garantir a habitabilidade.

O presidente explicou que os concellos poden acollerse a estes incentivos para recuperar vivendas “en mal estado” que formen parte do seu patrimonio co fin de alugalas a familias con poucos recursos —ingresos ponderados que non superen 1 vez o Iprem— ou tamén “para axudar con carácter de urxencia” a veciños que residan nunha infravivenda e carezan de medios propios cos que financiar as obras necesarias para garantir a habitabilidade do seu domicilio.

Neste último caso, as entidades locais beneficiarias deberán acreditar que algún dos residentes é propietario desta, que nin el nin ningún dos outros habitantes posúen outra vivenda en propiedade, e que os ingresos —ponderados en función do número de membros que integre a unidade de convivencia— non superan os 8.400 euros anuais.

Entre ambas as liñas e tendo en conta que o orzamento total reservado para a convocatoria deste ano ascende a 2,22 millóns de euros, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) estima que poderá axudar a rehabilitar máis de 60 vivendas destinadas a alugueiro a prezos accesibles no conxunto da Comunidade.

352 vivendas recuperadas desde 2016

Cómpre lembrar que o Goberno galego convoca subvencións para restaurar infravivendas no rural e para a rehabilitación de edificios de titularidade municipal destinados a alugueiro social desde os anos 2016 e 2017, respectivamente.

Neste período, o IGVS destinou preto de 10 millóns de euros a apoiar a máis dun cento de concellos galegos na recuperación de 352 vivendas, das que 200 foron froito da rehabilitación de inmobles municipais que estaban en desuso ou abandonados, como as vivendas de mestres; e os 152 restantes eran vivendas localizadas en contornas rurais —habitadas ou non— cuxo estado de conservación facía necesaria unha intervención, parcial ou total, que garantir a súa habitabilidade.

Ademais, cómpre lembrar que os concellos que reciben axudas para rehabilitar vivendas da súa propiedade e destinalas despois a alugueiro social teñen a posibilidade de beneficiarse tamén do Fondo de Cooperación do IGVS, que ofrece préstamos sen xuros a devolver en 8 anos a municipios de menos de 50.000 habitantes. Estes préstamos poden destinarse á adquisición de novos inmobles para rehabilitar ou a financiar a parte da recuperación integral de edificios da súa propiedade que non cobre a outra subvención.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024