Rueda anuncia a incorporación inmediata de 70 novos pediatras a atención primaria e hospitais comarcais mediante concurso de méritos

Resalta que Galicia “foi pioneira” en ofertar “prazas en propiedade” en lugares de “difícil cobertura”

O día 20 deste mes de febreiro rematou o prazo para solicitar destinos e entregar a documentación acreditativa de requisitos e capacidade funcional

As 70 prazas que se van cubrir nos próximos días son 58 de atención primaria e 12 de hospital comarca

Presentáronse un total de 181 aspirantes
 

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá a incorporación “inmediata” de 70 novos pediatras a centros de saúde de toda Galicia e seis hospitais comarcais, froito da última convocatoria ofertada por concurso de méritos para cubrir prazas “de difícil cobertura que levaban moito tempo vacantes”.

Rueda lembrou que “Galicia foi pioneira” á hora de ofertar prazas en propiedade mediante mediante este sistema, é dicir, sen exame e enmarcou estas medida nas accións que, “dentro das súas capacidades”, está a levar cabo a Administración autonómica para paliar o déficit de profesionais en determinadas especialidades.

No caso concreto deste concurso ofertábanse 60 prazas de pediatra para atención primaria e 12 para seis hospitais comarcais. Tal e como explicou o presidente, transcorrido o prazo de 10 días que rematou o 20 de febreiro, foron elixidos os destinos ofertados polas persoas participantes. Adxudicáronse os destinos e cóbrense 58 das 60 prazas de pediatras de primaria e a totalidade das referidas aos hospitais comarcais. O departamento sanitario galego fará unha segunda volta para cubrir as dúas prazas pendentes de adxudicar de pediatras de primaria, segundo se desprende dun informe da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, que hoxe abordou o Executivo galego na súa reunión semanal.

A convocatoria establece un procedemento que permite á Administración que, no suposto de non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido dalgún aspirante seleccionado, poida seleccionar a novos aspirantes, atendendo á puntuación que resulte da lista definitiva do proceso entre aqueles aspirantes que non obtiveron praza, coa finalidade de procurar a máxima cobertura das prazas.

Neste proceso, o número de persoas presentadas é de 106 na categoría de pediatra de atención primaria e 75 na de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, facendo un total de 181 solicitudes.

Postos de difícil cobertura

Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse, en outubro de 2022, a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. O acceso sen proba de exame resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.

Cobertura de máis de 100 prazas de medicina de familia

Polo mesmo sistema de concurso, esta semana rematará a incorporación de 64 facultativos especialistas de atención primaria. Así, xunto cos 42 médicos de familia incorporados por concurso de méritos, o Sergas consegue incorporar 106 médicos de atención primaria con carácter fixo.

Por outra parte, o día 16 de marzo celebraranse en Silleda as probas selectivas para acceso a prazas de persoal facultativo especialista de área e persoal do 061, con oferta de prazas en 37 categorías e especialidades, na liña de estabilización de emprego temporal que vén desenvolvendo o Servizo Galego de Saúde.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024