A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética no pavillón deportivo das Neves

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións, que contaron cunha achega de 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local

O apoio do Goberno galego ao concello a través das liñas de axudas ás administracións locais suma case un millón de euros nos últimos anos

As Neves (Pontevedra), 29 de febreiro de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou As Neves para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas no pavillón deportivo municipal co apoio do Goberno galego. A obra contou cunha achega de 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local.

A través da iniciativa, reparouse e selouse a cuberta e os faldróns verticais, e instalouse un falso teito que garante o illamento ao tempo que mellora o acondicionamento acústico do espazo deportivo. A maiores, para garantir a calidade do aire e evitar a condensación, dispuxéronse ventilacións cruzadas no falso teito das zonas de vestiario.

Ademais das medidas de illamento térmico, actuouse para reducir o consumo de electricidade coa colocación de paneis fotovoltaicos na cuberta para cubrir as necesidades de iluminación, auga quente e climatización. A mellora deste último aspecto reforzouse nos vestiarios cun sistema de impulsión de aire por bomba de calor programable e controlable telematicamente para axustar o seu funcionamento aos horarios de uso das instalacións.

Segundo sinalou a directora xeral, o obxectivo da obra é asegurarlle ás persoas usuarias do pavillón o máximo confort na práctica da actividade deportiva. Natalia Prieto incidiu na importancia desta infraestrutura para o concello polo súa polivalencia e amplitude de colectivos aos que dá servizo, xa que acolle tanto actividades ligadas aos centros de ensino como para poboación de todas as idades e diferentes eventos, ademais de ser sede do Club de Bádminton que compite a nivel estatal.

A mellora visitada forma parte do conxunto de actuacións impulsadas polo concello das Neves en 2023 que contaron co apoio da Xunta a través das distintas liñas de axudas ás administracións locais. Así, o pasado ano esta localidade recibiu tamén case 62.600 euros para a renovación de alumeado exterior ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.  “Estes son só os exemplos máis recentes dos froitos da colaboración do Goberno galego co concello das Neves a través das liñas de apoio ao eido local, que se traduce nos últimos anos en case un millón de euros”, apuntou Natalia Prieto.

Investimento de 27,2 M€ en toda Galicia

No conxunto de Galicia, as distintas medidas de apoio da Xunta aos concellos impulsaron en 2023 máis de 600 proxectos municipais a prol de mellores instalacións e servizos cun orzamento de 27,2 millóns de euros.

A directora xeral destacou que o compromiso autonómico cos concellos a prol da eficiencia enerxética se reforza nos anos 2024 e 2025 coa nova orde plurianual destinada a financiar estas melloras nas instalacións municipais. A convocatoria publicouse xa en xaneiro en conta cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder.

Así mesmo, o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local centra tamén o investimento deste ano no impulso da eficiencia enerxética nos edificios municipais, cunha dotación de 5 millóns de euros. A orde publicouse hai dúas semanas e o prazo para acceder a estas axudas está aínda aberto.

A estas liñas súmanse como cada ano o Fondo de Compensación Ambiental, ao que a Xunta destina máis de 11 millóns de euros para apoiar aos concellos nas melloras da contorna natural e da eficiencia, e a Orde de infraestruturas de uso público, que conta con 3,5 millóns de euros para a creación ou mellora de instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024