A Xunta pon en valor no simposio internacional de frondosas o intercambio de coñecemento para seguir potenciando a innovación no sector forestal

O congreso foi inaugurado esta mañá polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e celebrarase ata o venres na sede da UNED en Lugo

Conta coa participación de expertos de Galicia e doutros puntos de España, ademais de oito países europeos

O obxectivo do evento é a posta en común das diferentes perspectivas europeas neste eido e favorecer o debate arredor das ferramentas de apoio á toma de decisións e avaliacións de resiliencia, para seguir mellorando a cadea de valor forestal en Galicia
 

Lugo, 28 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia pon en valor o intercambio de coñecemento para seguir potenciando a innovación no sector forestal. Así o salientou hoxe o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, que participou esta mañá na apertura do Simposio As frondosas autóctonas, a resiliencia do sector forestal?. O seminario, que comeza hoxe e finalizará o venres 1 de marzo, estase a celebrar na sede da UNED en Lugo e nel participan expertos de Galicia e doutras partes de España, ademais de conferenciantes de ata oito países europeos diferentes.

Durante a súa intervención, o director puxo de relevo a importancia deste tipo de eventos, idóneos para facilitar o intercambio de coñecementos sobre innovacións en frondosas en toda Europa; así como para debater arredor das ferramentas de apoio á toma de decisións e avaliacións de resiliencia para seguir potenciando a cadea de valor forestal en Galicia.

Ao longo do día sucederanse diversos relatorios a cargo de especialistas en biotecnoloxía e silvicultura da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e da USC, respectivamente. Tamén se amosarán os resultados preliminares do Proxecto Tecnolóxico para Frondosas en Galicia, por parte do CIS Madeira, dependente da Consellería do Medio Rural e integrado na Axencia Galega da Industria Forestal.

Valorización e descarbonización

En materia de innovacións en Europa, Uwe Kies e Klaus Richter,dous expertos alemáns falarán sobre a valorización química destas especies e arredor da descarbonización e uso en cadoiro das frondosas. Outros temas a tratar nesta primeira xornada, que se completará cunha visita técnica ao marteloscopio da carballeira de Labio, serán as experiencias e innovación en biorefinerías con frondosas e os taninos e barricas.

Mañá, xoves 29 de febreiro, cobrará forza a dimensión internacional deste simposio, xa que participarán nel expertos de varios países europeos -como Finlandia, Suíza, Suecia, Austria, Letonia ou Dinamarca-. Falarán sobre densificación e tratamento térmico para construción con bidueiro, densificación con frondosas, contrachapado e bioprodutos do bidueiro, produción de lignina, cambio climático e resiliencia ou medidas de adaptación a través da cadea de valor, entre outros asuntos.

Adaptación ao cambio climático

A xornada centrarase tamén en como o sector galego pode adaptarse ao cambio climático, a través de tres mesas: sobre xestión forestal, industria da madeira sólida e outras industrias. Por último, e tras unha mesa redonda sobre a industria das frondosas en Galicia, realizarase unha visita técnica ao serradoiro Maderas Gayoso.

O último día do simposio, o venres 1 de marzo, trataranse cuestións como a dixitalización, con expertos que falarán da mobilización de madeira, rasetrexabilidade forestal, operacións e xestión forestal e rastrexabilidade no transporte da madeira. A Evolución do mercado de frondosas en Europa, os resultados dos proxectos de valorización de frondosas de pequena dimensión en Francia ou os proxectos de valorización e transformación local de frondosas en Valonia (Bélxica) e Navarra completarán o programa de actos, antes da clausura do evento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024