O xerente do Consorcio Galego de Servicios de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado da alcaldesa do concello, Verónica Pichel

A escola infantil pública de Forcarei conta cun novo patio interior financiado pola Xunta de Galicia

A actuación tivo un custe de 17.000 euros e permitiu habilitar a planta baixa do centro como área de xogos interior

Forcarei (Pontevedra), 28 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia sufragou unha nova zona de xogos interior na escola infantil de Forcarei, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado da alcaldesa do concello, Verónica Pichel, para comprobar o resultado dos traballos realizados, que tiveron un coste de 17.000 euros.

A actuación sufragada polo ente autonómico permitiu habilitar a planta baixa da escola como patio interior para que os nenos teñan unha nova área de xogos que poderán utilizar os días de chuvia ou de moita calor. Ademais, este novo espazo dispón de comunicación directa co patio exterior. As obras, que foron executadas polo Concello, incluíron a substitución da tarima existente por un novo pavimento e a instalación dunha porta de saída cara o patio aberto.

Perfecto Rodríguez enmarcou estas melloras no programa de intervencións que ao longo do ano leva a cabo o Consorcio nas súas escolas e centros de maiores para garantir que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan das mellores instalacións posibles.

Na escola infantil de Forcarei asisten diariamente unha vintena de nenos, que reciben atención educativa gratuíta durante un máximo de oito horas diarias e once meses ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024