Ana Ortiz anuncia unha nova rehabilitación no Casco Vello de Vigo para ofertar vivenda de promoción autonómica cun investimento de máis de 700.000 €

A presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV) avanzou que o comité executivo aprobará este xoves a contratación da obra para a reforma do emblemático edificio situado entre as rúas San Sebastián e Hortas

O proxecto conta un orzamento superior aos 700.000 € e un prazo de doce meses para a construción de dúas vivendas e pode saír adiante despois de que levase dous anos paralizado

Actualmente xa están en marcha dúas rehabilitacións en Elduayen e Subida ao Castelo e o organismo autónomo conta con outros tres proxectos avanzados na Ribeira do Berbés, rúa Alta e Elduayen

Vigo, 28 de febreiro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, anunciou hoxe que o comité executivo do organismo autónomo aprobará na súa sesión deste xoves a contratación da obra de rehabilitación do edificio situado na intersección das rúas San Sebastián e Hortas.

A representante autonómica destacou que o proxecto conta cun investimento de máis de 700.000 euros para a construción de dúas vivendas na parte alta do barrio histórico. Cun prazo de execución de doce meses, a parcela ten unha superficie de 180 metros cadrados e a compra do inmoble supuxo outros 188.000 euros. Ortiz destacou que o Consorcio Casco Vello retomou a actividade rehabilitadora unha vez o Concello de Vigo desbloqueou o pasado mes de outubro o Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF) que tiña paralizado desde hai dous anos.

Apuntou ademais que o organismo, participado nun 90 % pola Xunta de Galicia e un 10 % polo Concello, ten outras dúas rehabilitacións en marcha: Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9. Na primeira delas o CCVV adica un total de 1,4, sumando a compra do inmoble e a adxudicación dos traballos. Esta actuación, que afecta á edificación con saída á rúa Ferrería, supón a construción de 6 novas vivendas, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial. Pola súa banda, en Subida ao Castelo inviste máis de 500.000 euros para a reforma do inmoble de dúas vivendas.

Ademais das mencionadas reformas de San Sebastián, Elduayen e Subida ao Castelo, o PAIF 2024 contempla investimentos na rehabilitación de outros tres edificios (Ribeira do Berbés, 39; Elduayen, 39; e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas de protección autonómica. Desde o seu nacemento, o Consorcio Casco Vello xa rehabilitou un total de 88 edificios para poñer a disposición dos vigueses 121 vivendas e 36 locais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024