A Xunta acomete a mellora dos tres centros educativos de Forcarei cun investimento de case 1,2 M€

O conselleiro de Educación en funcións e o delegado de Pontevedra visitan os colexios das Dores e de Soutelo, onde se realizaron obras por uns 800.000 euros

En ambos centros acometeuse a renovación de fachadas, cubertas e fiestras

Román Rodríguez anuncia a licitación dunha actuación no Instituto IES Chano Piñeiro, por un importe de 377.000 euros para mellorar a fachada e a cuberta

Forcarei (Pontevedra), 27 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe Forcarei para supervisar o remate das obras levadas a cabo nos colexios CEIP Nosa Señora das Dores e CEIP Soutelo de Montes, nos que o Goberno galego vén de investir preto de 800.000 euros.

A esta cifra hai que engadir a próxima mellora no Instituto IES Chano Piñeiro por 377.000 euros, o que eleva a case 1,2 M€ os investimentos recentes do Goberno galego nas tres infraestruturas educativas coas que conta este Concello. Como avanzou, a obra do instituto está actualmente en licitación coa previsión de realizarse este ano. En concreto, mellorarase a fachada e a cuberta.

Dado que o Colexio Nosa Señora das Dores e o instituto comparten o mesmo recinto e edificio, a vontade, segundo explicou o conselleiro, “é rehabilitar todo o conxunto dunha forma coherente en materiais e cores”. Así pois, cun orzamento de preto de 377.000 euros e un prazo de execución de catro meses, a Consellería vai instalar unha fachada tipo SATE, con illamento térmico e colocación dunha cuberta de panel de sandwich.

Durante o percorrido polos dous colexios onde xa concluíron as intervencións, Román Rodríguez destacou o compromiso do seu departamento coa mellora do sistema educativo a través de actuacións concretas en infraestruturas para lograr colexios e institutos “máis sostibles, confortables e innovadores”, tal e como establece o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

No caso concreto do Colexio Nosa Señora das Dores, o investimento da Xunta superou os 481.000 euros, que se destinaron á mellora das fachadas e das cubertas coa colocación de illamento térmico no exterior do edificio. Tamén se procedeu á substitución das ventás, instalación de persianas e mellora dos canlóns de baixantes. 

No caso do Colexio de Soutelo de Montes, cun orzamento de preto de 300.000€, tamén se acometeron melloras na fachada coa colocación de illamento térmico e a substitución das fiestras, reparouse a cuberta e os canlóns de baixantes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2024