Os universitarios galegos realizan 2.234 doazóns de sangue durante a primeira fase da campaña universitaria promovida por ADOS

A segunda fase da campaña comeza o martes 27 de febreiro e durará ata mediados de abril

Neste primeiro día de campaña, Raquel Rodríguez González, decana da Facultade de Enfermaría de Santiago de Compostela, visitou a unidade móbil de ADOS estacionada hoxe no Campus Norte da USC, acompañada por Marisa López García, directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

Ao longo da primeira fase, que se desenvolveu nos meses de outubro e novembro, participaron 800 membros da comunidade universitaria que doaban sangue por vez primeira, o 35,8 % do total

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), amosa o seu agradecemento a toda a comunidade universitaria, pola súa participación na primeira fase da campaña de doazón nos sete campus galegos, e que supuxo acadar unha cifra de 2.234 doazóns, das cales 800 (un 35,8 %) correspondían a persoas que doaban por vez primeira.

ADOS comeza o 27 de febreiro a segunda fase da campaña universitaria de doazón de sangue, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, marcándose como obxectivo o fomento da doazón na comunidade universitaria, así como renovar a base de doantes e superar as 4.453 doazóns recollidas no pasado curso académico.

A seguinte táboa recolle a distribución da participación nos sete campus galegos durante a primeira fase da campaña do curso académico 2023-24, así como o número de novos doantes:

CAMPUS
DOAZÓNS
NOVOS DOANTES
A CORUÑA
475
179
FERROL
135
47
LUGO
193
80
PONTEVEDRA
183
67
OURENSE
200
53
SANTIAGO DE COMPOSTELA
613
208
VIGO
435
166
TOTAL
2.234
800
  

 

 Primeira doazón

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido da educación, tanto en centros educativos non universitarios como universitarios, xa que, para moitos rapaces e rapazas, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue.

Doazón de medula ósea

Esta iniciativa, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, é posible grazas á colaboración que brindan os reitores das tres universidades, así como os decanos e directores de todos os centros educativos, membros da comunidade universitaria (PAS, alumnos e alumnas...)

Nas xornadas previas ao desenvolvemento de cada campaña, impartiranse charlas didácticas e distribuirase material informativo cos requisitos precisos para doar, e a data e lugares onde poder participar.
 

Ademais, ao longo desta segunda fase vaise a levar a cabo unha intensa campaña de información, sensibilización e de captación de doantes de proxenitores hematopoéticos, tamén coñecidos como  medula ósea, en centros docentes universitarios e non universitarios, comezando na Facultade de Enfermería da USC, en Santiago de Compostela. 

ADOS reitera o agradecemento a todos os membros da comunidade universitaria pola súa colaboración, ao tempo que tamén agradece o seu compromiso co labor educativo e de sensibilización que se levan a cabo nas universidades. Neste sentido, lembrar que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue colabora coas universidades noutras iniciativas, como a realización de visitas formativas por parte dos centros universitarios ata os laboratorios de ADOS, colaboración con distintos colectivos e asociacións universitarias, ou a realización de proxectos de aprendizaxe e servizo levados a cabo con distintas facultades.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2024