Reguera visita a Asociación Rexurdir e destaca os 12 M€ que Xunta e Fegamp investirán na asistencia de pacientes con trastornos aditivos en toda Galicia

A Asociación Rexurdir Provincial de Pontevedra vén de asinar co Servizo Galego de Saúde un convenio por valor de 27.000 euros para o seu programa de atención xurídico social
 

No investimento en tratamento de persoas con problemas de adiccións inclúense os 7.7 millóns en convenios con 9 entidades; arredoe de 300.000 noutros convenios, entre os que se atopa o de Rexurdir; e 4 millóns para o convenio coa FEGAMP que financiará as unidades de atención á drogodependencia dos concellos
 

O delegado territorial puxo en valor o gran traballo de todas as persoas que integran Rexurdir e que fixeron desta entidade un referente a nivel nacional

Pontevedra, 27 de febreiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Asociación Rexurdir Provincial de Pontevedra, que o pasado día 16 deste mes asinou un convenio co Servizo Galego de Saúde para o desenvolvemento de programas de incorporación social a pacientes con trastornos aditivos.

Rexurdir Provincial de Pontevedra ven de asinar un convenio de colaboración co Sergas por valor de 27.000 euros para o Programa de Atención Xurídico Social (PAXS). Este programa atendeu o pasado 2023 a 139 usuarios.

O PAXS dá cobertura xurídica e social aos usuarios con trastornos aditivos que demandan o servizo legal de avogado no Centro de Atención Social Continuada. Así mesmo, cobre no eido xurídico e social aos usuarios da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Pontevedra e aos usuarios do Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependencias do Grove (Portonovo, O Grove, Sanxenxo e Meaño).

O delegado territorial aproveitou a visita para felicitar a todas as persoas que se involucran coa asociación pola súa “imprescindible labor”. Un traballo incansable que, segundo explicou Reguera, permitiu que “Rexurdir sexa unha referencia a nivel nacional na atención de persoas drogodependentes”.

Cabe destacar que na actualidade acoden ao centro de Centro de Atención Social Continuada persoas dos concellos de Marín, Poio, O Grove, Sanxenxo e Meaño, entre outros, polo que esta asociación está ao alcance dunha poboación de preto de 160.000 habitantes.

Reguera rematou a visita poñendo en valor o gran compromiso da Xunta de Galicia coa atención ás persoas drogodependentes: “O consello da Xunta autorizou o pasado día 15 a sinatura de convenios entre o Sergas e outras nove entidades sen ánimo de lucro para a asistencia de persoas con trastornos relacionadas co uso de substancias ata acadar os 7.764.100 euros”. Esta contía supón un incremento de medio millón de euros no orzamento destinado a estes fins con respecto ao ano pasado.

Así, en total a Xunta investirá preto de 12 millóns de euros na atención ás persoas con trastornos relacionados coas substancias aditivas. En concreto, 7.7 millóns corresponden aos nove convenios aos que se referiu o delegado; 300.000 euros corresponden a outros convenios entre os que se atopa o asinado con Rexurdir Provincial de Pontevedra para funcionamento do PAXS; e 4 M€ corresponden ao convenio coa FEGAMP para financiar as unidades de atención á drogodependencia dos concellos, un convenio que será asinado ao longo deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2024