Rivo enxalza o papel dos concellos para avanzar desde a unión nunha sociedade 100% tolerante e igualitaria

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, inaugurou a xornada ‘Pioneiros. Políticas de igualdade nos concellos galegos’, organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)

Destacou o impulso que a Xunta está a dar aos Centros de Información á Muller (CIM), mediante o financiamento en 2024 do seu persoal con 4,5 millóns de euros

Avanzou a creación de CIMs móbiles para dar cobertura máis alá dos 200 concellos que reciben servizos destes recursos municipais e chegar a todas as mulleres

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, invocou a colaboración dos concellos para avanzar nunha sociedade cen por cen tolerante e sen discriminacións, co gallo da inauguración da xornada Pioneiros. Políticas de igualdade nos concellos galegos, organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A conselleira en funcións destacou que é nos municipios onde se xestan as políticas e prácticas para unha sociedade máis inclusiva. Avogou pola colaboración entre institucións que leva a cabo a Xunta de Galicia, da man da Fegamp e a través de diferentes liñas de axuda dirixidas ás entidades locais. Entre elas, puxo de relevo a colaboración que desde 2009 a Xunta desenvolve cos municipios para a promoción da igualdade, accións de conciliación e no mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM) e que supuxo nestes anos unha aportación de case 85 millóns de euros.

Galicia conta na actualidade con 84 centros de información á muller, que atenden unhas 9.500 persoas ao ano e dan cobertura a uns 200 municipios. Rivo recalcou que a Xunta de Galicia promoverá a creación de novos CIM de carácter móbil, para que se poidan estender os seus servizos a todo o territorio, para a atención “integral e próxima” ás usuarias, dixo.

Os CIM son recursos municipais que reciben apoio das arcas autonómicas para financiar os seus custos de persoal, unha contía que en 2024 se eleva a 4,5 millóns de euros. A Administración autonómica e a Fegamp, afirmou a representante autonómica, traballan da man para seguir a ampliar o seu mapa de recursos e para garantir a formación continua do seu persoal nos próximos anos.

A comunidade conta, por outra banda, coa Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que a conselleira puxo tamén como exemplo da colaboración entre institucións na loita contra esta lacra.

Está adheridos á Rede 228 municipios, que poden acceder á oferta anual de espectáculos, actividades, obradoiros ou visitas que reforzan a sensibilización social contra as violencias, incidindo na prevención e na detección precoz.

Do mesmo xeito, destacou Rivo, case cen concellos da Rede contan con mesas interinstitucionais de loita contra a violencia de xénero. A importancia das mesmas radica na implicación de axentes municipais, sociais, educativos, sanitarios, policiais dos concellos na abordaxe institucional ante a violencia de xénero.

Elena Rivo destacou, unha vez máis, o carácter pioneiro da nova Lei de Igualdade, que permitirá avanzar en Galicia na loita contra as novas formas de discriminación dixital e múltiple, na corresponsabilidade e na creación de espazos municipais libres de violencia.

O Goberno galego promoverá unha estratexia para o impulso do emprego feminino de alto valor engadido que aglutine e reforce todas as medidas que se desenvolven en Galicia a favor da igualdade en sectores masculinizados como o científico, o tecnolóxico e o industrial.

Para rematar a inauguración, Rivo insistiu na necesidade de seguir a desenvolver políticas de igualdade efectivas e arraigadas nos municipios, e tendeu a man á Fegamp e aos gobernos locais para avanzar por ese camiño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2024