A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, supervisou hoxe esta intervención na estrada PO-323 en Teis, subliñando tamén o avance das obras da 2ª fase, entre o Instituto e o límite municipal con Redondela, cun investimento de 4,1 M€

A Xunta ultima as obras da 1ª fase da humanización da avenida de Galicia de Vigo, que supuxeron un investimento de 2,5 M€, e se completarán en maio cun novo aparcadoiro

A actuación permitiu a reforma dun treito de 500 da vía, entre o cruce coa avenida da Mariña Española e o IES de Teis, coa ampliaron das beirarrúas ata os 2 metros, medidas de calmado de tráfico, renovación do firme, novas marquesiñas, creación de zonas verdes e dotación de alumeado

Destaca a construción dunha glorieta para mellorar a seguridade e a fluidez do tráfico no acceso á antiga ETEA, así como a conexión co centro de saúde e co instituto

A conselleira subliña o esforzo realizado para acometer as obras de acordo coas demandas dos veciños, de forma que se facilita unha mobilidade a pé máis segura e se garanten 55 prazas de aparcadoiro, ao executarse unha nova área de estacionamento na subida ao Paraixal

Informa que as obras da 2ª fase están a pleno rendemento e servirán para mellorar a mobilidade interna na cidade de Vigo, estendendo as beirarrúas e con itinerarios alternativos para os peóns

A 2ª fase habilitará 3 novas zonas de aparcadoiro, gañando 75 prazas que a Xunta espera poder poñer en servizo en marzo

O obxectivo do Goberno galego é que a reforma integral da PO-323 en Teis sexa unha realidade completa a comezos de 2025, logo dun investimento global de 6,6 M€

Ethel Vázquez destaca que nos últimos anos, a Xunta destinou máis de 30 M€ a mellorar a rede viaria autonómica en Vigo

Vigo, 26 de febreiro de 2023

A Xunta ultima as obras da 1ª fase de humanización da avenida de Galicia de Vigo, en Teis, que supuxeron un investimento de 2,5 M€ e que se completarán cun novo aparcadoiro que se poñerá en servizo en maio.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz,  supervisou esta mañá o resultado dos traballos executados nun treito de 500 metros da estrada autonómica PO-323, entre o cruce coa avenida da Mariña Española e o IES de Teis.

Vázquez Mourelle subliñou que a axilidade na execución das obras permitiu adiantar o seu remate, inicialmente previsto para a primavera, e poñer xa á disposición dos veciños de Teis unha avenida de Galicia “máis accesible, humana e segura”, a falta só de remates.

As obras desta primeira fase consistiron en mellorar e ampliar ata os 2 metros as beirarrúas en ambas as marxes, adoptar medidas de calmado do tráfico, habilitar zonas verdes, renovar o firme, tanto da PO-323 como da Baixada aos Ríos, dotar a vía de nova iluminación e reforzar a sinalización.

Ademais, instalouse unha nova varanda e repúxose o muro de peche para acadar unha maior integración coa contorna na zona do Camiño Portugués.

Destaca, especialmente, a construción dunha glorieta na intersección da vía autonómica coa avenida da Mariña Española pola que se accede á ETEA, co obxectivo de garantir movementos máis seguros e fluídos. Ademais, mellorouse, tamén, o acceso ao IES de TEIS e ao centro de saúde.

A conselleira remarcou o esforzo realizado durante as obras para atender as demandas dos veciños, garantindo as prazas de aparcadoiro, con intervencións para o calmado do tráfico e o fomento dunha mobilidade a pé máis sustentable e segura.

De acordo coas achegas trasladadas durante o proceso de información pública do proxecto, desprazouse a zona de aparcadoiro prevista inicialmente fronte ao Centro de Saúde ata a parcela contigua ao IES de Teis, onde se habilitaron 38 prazas. Ademais, decidiuse manter  as prazas de estacionamento.

Atendendo, tamén, unha petición dos veciños, a Xunta vai ampliar as intervencións previstas nesta 1ª fase de humanización coa habilitación dun novo aparcadoiro á altura da subida Paraixal que disporá de 17 novas prazas e que require expropiar dúas parcelas máis.

A previsión é que o novo aparcadoiro estea en servizo no mes de maio, de forma que,  en total, a 1ª fase da humanización da avenida de Galicia poña á disposición dos veciños de Teis 55 prazas de aparcadoiro.

Segunda fase a pleno rendemento

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou de que a segunda fase da mellora da avenida de Galicia está xa a pleno rendemento nun treito de algo máis de 1,5 km, entre o IES de Teis e o límite do termo municipal de Vigo co de Redondela. Nesta 2ª fase a Xunta está a investir 4,1 M€.

As obras, que comezaron no outono, están en torno ao 10% de execución e teñen tamén como obxectivo mellorar a mobilidade interna na cidade, con conexións coa trama urbana de beirarrúas xa existentes e con itinerarios alternativos, para priorizar o tránsito dos peóns.

A conselleira explicou que nesa segunda fase está previsto, igual que na primeira, garantir as zonas de aparcamento, gañando 75 con respecto ás 198 actuais, o que supón incrementar un 38% as prazas de estacionamento, que se espera que poidan estar en servizo xa a finais de marzo.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta traballa con poñer á disposición dos veciños de Teis a reforma integral da PO-323  a comezos do vindeiro ano, cun investimento autonómico total de 6,6 M€.

As actuacións están financiadas con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGeneration-UE.

A conselleira tamén destacou que con estas intervencións e a da mellora da mobilidade peonil e ciclista no borde portuario da cidade, xunto coas actuacións levadas a cabo nos últimos anos, o investimento en melloras na rede de estradas da Xunta en Vigo supera amplamente os 30 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2024