O Parque Nacional das Illas Atlánticas organiza unha xornada de ornitoloxía gratuíta para formar a guías turísticos sobre as aves deste espazo natural

Ofértanse 40 prazas para participar nesta actividade formativa, que constará dunha parte teórica e doutra práctica e na que terán prioridade os guías titulados do parque

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2024

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) impartirá no mes de abril unha xornada de ornitoloxía dirixida a guías acreditados para afondar e dar a coñecer as distintas especies de aves presentes nos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

A actividade formativa, na que os interesados poderán inscribirse ata o 15 de marzo de forma gratuíta a través do seguinte formulario en liña, contará cunha sesión teórica, que será impartida en horario de mañá o vindeiro 6 de abril no Edificio Cambón de Vigo polo biólogo e máster en Restauración de Ecosistemas, Diego Rodríguez.

O curso de ornitoloxía completarase tamén cunha parte práctica, de sete horas de duración, que se desenvolverá os días 13 e 14 do mesmo mes en Cíes, en dúas quendas de 20 persoas cada unha.

Para participar na xornada de ornitoloxía Descubrindo as aves das Illas Atlánticas ofértanse un total de 40 prazas. Terán prioridade de acceso os guías titulados do PNMTIAG e en caso de non cubrirse, admitiranse tamén persoas que non conten con esta acreditación específica. De recibirse máis solicitudes que prazas, ademais de primar aos guías do parque, procederase a facer un sorteo entre todos os solicitantes.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, dentro do seu programa formativo, organiza ao longo do ano varios cursos ou xornadas de cara a ampliar o coñecemento que se ten sobre este espazo natural nos distintos sectores da sociedade como poden ser xornalistas, operadores turísticos, Garda Civil, guías ou investigadores de diversas áreas de coñecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2024