O conselleiro do Medio Rural en funcións asistiu esta mañá en Santa Comba ao XXXII Concurso Autonómico de Raza Frisona “Fefriga 2024”

A Xunta insiste en esixir unha moratoria inmediata e temporal da normativa da UE que “afoga a agricultores e gandeiros” mentres Europa reflexiona sobre o futuro deste sector

José González explicou que vén de remitir unha carta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación coas demandas do sector primario para que o seu titular as leve ao Consello Europeo de ministros de agricultura que se celebra este luns en Bruxelas

Ante o cambio de rumbo anunciado pola CE, o titular de Medio Rural en funcións destaca que “acredita o posicionamento de Galicia” e fai “aínda máis pertinente, e urxente” a necesidade de suspender a aplicación da lexislación que pon en perigo a viabilidade das explotacións

Pon o foco nas reivindicacións do sector primario, arredor das novas trabas burocráticas e esixencias medioambientais que -compartindo a súa pertinencia- non atenden ás especificidades do territorio nin a tripla sustentabilidade económica, social e medioambiental

Insistiu en que España, como “potencia agroalimentaria”, ten que encabezar “cunha postura activa e contundente” a demanda desta moratoria, atendendo ao que xa pediron produtores e CCAA como Galicia ao longo da negociación da nova PAC, ademais de instar a fixar cláusulas espello nos tratados comerciais

Por outra banda, ademais de celebrar eventos como o de hoxe en Santa Comba, resaltou o apoio da Xunta a este sector, para o que se destinarán neste ano máis de 83 millóns en axudas para afondar na súa competitividade e favorecer a remuda xeracional

Santa Comba (A Coruña), 24 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, valorou hoxe o feito de que a Unión Europea estea tomando nota” das demandas dos agricultores e gandeiros e empece a actuar en consecuencia, propoñendo reformas para reducir a burocracia e aliviar requisitos ambientais.

Nunha visita ao XXXII Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2024”, que se celebra na localidade coruñesa de Santa Comba, o titular de Medio Rural en funcións instou ao Goberno español -dende a máxima lealdade institucional- a defender “con forza e cunha postura activa e contundente” os intereses do sector primario. “Non podemos permanecer pasivos diante do que está pasando en toda Europa”, advertiu, con manifestacións que poñen en riba da mesa a “fartura” que hai por unha lexislación europea que impón trabas burocráticas e esixencias medioamentais que poñen en perigo a viabilidade das explotacións.

Neste contexto, José González explicou que o Goberno galego trasladou este venres por carta as demandas do sector primario para que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, as leve ao Consello Europeo de ministros de agricultura que se celebra este luns en Bruxelas.

Ademais, o conselleiro sinalou que a rectificación das autoridades comunitarias vén dar a razón a Galicia e a confirmar o que a nosa comunidade vén reclamando con insistencia. É dicir, que o Goberno central debe defender con contundencia en Europa -e en concreto no devandito Consello de ministros- unha moratoria inmediata e temporal da normativa que impón trabas burocráticas e esixencias medioambientais que -compartindo a súa pertinencia- non se deseñaron atendendo á tripla sustentabilidade económica, social e medioambiental das explotacións.

“Vemos que hai unha vontade, en Europa, de asumir modificacións”, indicou o conselleiro, quen engadiu que as autoridades comunitarias recoñeceron que “non se fixeron as cousas ben” á hora de contemplar as diferentes particularidades de cada territorio na aplicación destas políticas. En concreto, censurou que por exemplo en España o ministro de Agricultura “se estea preocupando polas zonas con seca e non teña en conta as especificidades das comunidades da Cornixa cantábrica”, algo que sempre se lle trasladou dende Galicia nas negociacións da PAC, engadiu González. Do que se trata, remarcou, é de “compatibilizar os requirimentos medioambientais coa necesaria supervivencia económica e social das nosas explotacións agrícolas e gandeiras”.

Reflexión estratéxica

Desta forma, a Xunta considera que a moratoria deberá estenderse ao longo do período de reflexión estratéxica sobre o rol de agricultores e gandeiros en Europa, en cuestións tan fundamentais como a soberanía alimentaria e a xestión sostible do territorio. Tamén, segundo González, cómpre que España -canto potencia agroalimentaria- defenda o establecemento de cláusulas espello en todos os tratados comerciais que se asinen con terceiros países, para garantir a igualdade nas regras de xogo.

Do mesmo xeito, o conselleiro advertiu que as necesarias reformas non poden ser, en ningún caso, unha simple maquillaxe para sufocar as protestas, senón que teñen que ser estruturais, para garantir o futuro do sector. Neste contexto, cómpre reconsiderar medidas coma o caderno dixital, o veterinario de explotación, o emprego de fitosanitarios ou as disposición relacionadas coa nutrición sostible do solo, que a xuízo da Xunta deben quedar en suspenso, e nun futuro, chegado o caso, ser flexibilizadas para unha incorporación paulatina. O Goberno galego, en paralelo, insiste en que o Executivo central debe modificar de inmediato a Lei da Cadea Alimentaria para facer efectiva a prohibición da venda a perdas, como leva tempo pedindo Galicia, ademais de recoñecer as ferramentas de cálculo de costes de produción (Contaláctea e Contacarne) postas en marcha pola Xunta.

Fefriga 2024

José González estivo acompañado nesta visita a Santa Comba polo alcalde da localidade, Alberto Romar. Ambos asistiron á segunda xornada deste concurso Fefriga 2024”, organizado pola Federación Frisona Galega, en colaboración co Concello, os Africores provinciais e a propia Consellería do Medio Rural.

No acto, o titular de Medio Rural resaltou a importancia desta cita gandeira, que cualificou de referencia” e que está avalada por máis de 30 edicións, polo que trasladou os seus parabéns á Federación Galega Frisona polo traballo realizado. A maiores, reiterou o apoio da Xunta a este tipo de eventos sectoriais, que este ano contan de novo cunha liña de axudas específicas para a súa celebración, dotada nun principio con 200.000 euros e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 31 de outubro.

Aproveitando a súa visita a este concurso, o conselleiro recalcou que o Goberno autonómico seguirá apostando pola gandaría, un sector absolutamente fundamental” polos postos de traballo que xera e polo que supón para a xestión do territorio. No caso concreto do lácteo, ligado a este concurso, sinalou que o sector vive unha situación xeral de estabilidade”, cun incremento sostido nos últimos anos dos prezos medios, da produción e da facturación dos gandeiros. Por iso, recalcou que desde o Goberno galego seguirase traballando para conseguir que o leite se pague a un prezo que permita aos gandeiros cubrir os seus custos e obter un marxe de beneficio.

Tamén fixo fincapé nas liñas de achegas para o fomento do sector, que este ano contan cun orzamento de máis de 83 millóns para accións que permitan afondar na súa competitividade e remuda xeracional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2024