Galicia promóvese esta fin de semana como destino cultural e de natureza entre o mercado nacional

Turismo de Galicia participa nas feitas Navartur, en Navarra, e Fio, en Estremadura

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2024

Turismo de Galicia afianza esta fin de semana a promoción de Galicia como destino cultural e de natureza entre o mercado nacional coa súa participación en dúas das principais feiras celebradas en España nesta materia.

Así, seguindo co calendario de promoción anual, Galicia estará presente ata mañá domingo en Pamplona na 18ª edición da feira Navartur, o certame profesional e aberto ao público que goza de gran popularidade, no que a Comunidade galega conta cun stand de deseño baixo a mensaxe Galicia é auga. Desde alí estanse a promover os recursos asociados ao turismo activo, sendeirismo, enogastronomía, turismo sostible e cultural, entre outros e disporá dunha zona de degustación de augas minerais galegas.

Tamén ata mañá, Galicia está presente un ano máis na Feira Internacional de Ornitoloxía Fio, que este ano celebra a súa 19ª edición no Parque Nacional de Monfragüe, na localidade de Villareal de San Carlos, en Estremadura. O espazo galego está situado na área destinada a viaxes e natureza, onde Galicia dará a coñecer neste segmento as súas case 150 rutas e os 600 puntos de interese para a observación de aves, así como os recursos e produtos relacionados coa natureza e o Camiño de Santiago, entre outras.

O certame conta cunha Bolsa de Contratación para encontros B2B de 15 minutos previamente concertados, a fin de favorecer oportunidades de negocio ás empresas que ofrecen servizos especializados en turismo ornitolóxico e natureza, para o que a organización convoca a compradores de España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Irlanda, Alemania, Bélgica, Estados Unidos, etc. Na dita Bolsa participarán dúas empresas galegas especializadas.

Esta acción enmárcase na actividade que anualmente leva a cabo Turismo de Galicia para promover o destino en distintas feiras, que este ano ascenden ao redor de 30 de ámbito nacional e internacional. Tras Navartur e Fio, Galicia continuará as próximas semanas a súa promoción na feira B-Travel de Barcelona ou na BTL de Lisboa e a ITB de Berlín, entre outras.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2024