24 organizacións europeas traballarán na busca de solucións innovadoras para previr, vixiar e reducir o lixo mariño a través do proxecto ‘Free Litterat’

O proxecto Free LitterAT traballará durante tres anos en favor de comunidades costeiras libres de residuos

Esta acción, que incidirá especialmente nas artes de pesca perdidas ou abandonadas e nos microplásticos, está financiada pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico

O consorcio, liderado por CETMAR, está formado por organizacións de España, Francia, Portugal e Irlanda e conta coa participación do Intecmar, o Instituto Español de Oceanografía e da Universidade de Santiago, entre outros
 

Vigo, 25 de febreiro de 2024

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coordina un novo proxecto europeo que abordará a problemática do lixo mariño a través dunha aproximación holística e mediante enfoques innovadores co obxectivo de previr, vixiar e reducir estes residuos no litoral atlántico.

Un total de 24 organizacións de España, Francia, Portugal e Irlanda conforman o consorcio de Free LitterAT, 14 delas como socios con financiación procedente do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico da Unión Europea e outras 10 como entidades asociadas.

Cun presuposto que supera os 3,6 millóns de euros e coordinados polo Cetmar, todos eles traballarán os vindeiros tres anos para conseguir comunidades costeiras libres de lixo mariño, con especial énfase nos aparellos de pesca perdidos ou abandonados e nos microplásticos.

O proxecto, que dará continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos a través do proxecto europeo CleanAtlantic, centrarase fundamentalmente na prevención do lixo mariño, na vixilancia do mesmo e na súa redución e eliminación, e os seus resultados testaranse mediante accións piloto e actividades de sensibilización.

Baseándose en principios de economía circular, Free LitterAT pretende previr o lixo mariño mellorando a xestión e o reciclaxe dos residuos da actividade pesqueira e portuaria, facilitando a aplicación das directivas de plásticos dun solo uso e de instalacións portuarias de recepción de residuos.

Outra vertente do proxecto permitirá comprender a orixe, o transporte e o destino final do lixo mariño, mellorando para elo as ferramentas de vixilancia e modelización, así como a identificación das principais fontes, vías de entrada e zonas de acumulación de residuos.

Paralelamente traballarase na redución e eliminación dos residuos mariños a través da detección e retirada das artes de pesca perdidas ou abandonadas, a xestión do lixo pescado incidentalmente, a limpeza de praias en eventos de chegada masiva de macro e micro plásticos á costa e a remoción destes últimos nas estacións de tratamento de augas residuais.

Finalmente, desenvolveranse accións piloto que permitirán testar os resultados do proxecto, así como actividades de sensibilización a desenvolver en diferentes comunidades costeiras dos países implicados.

O traballo do consorcio Free LitterAT, do que forman parte, ademais do Cetmar, outras entidades galegas como o Instituto tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar, a Universidade de Santiago e o Instituto Español de Oceanografía, terá como resultado novas guías, ferramentas e procedementos para mellorar a xestión e a reciclaxe dos residuos da actividade pesqueira e portuaria, así como novas ferramentas e protocolos avanzados de apoio á vixilancia e a predición do lixo mariño.

Todos estes resultados, como os procedementos, manuais e formación para a limpeza de praias e costas; os mapas de fontes e zonas de acumulación de lixo; os procedementos para detectar, cartografar e retirar os aparellos fantasma ou os plans de acción para previr e reducir as redes perdidas ou abandonadas e os microplásticos serán testados mediante accións piloto e transferidos ás autoridades competentes e aos usuarios finais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/02/2024