A Xunta destinará case 130.000 € a eliminar especies exóticas invasoras en Cíes, Ons e Sálvora no marco do Proxecto Europeo Life Insular

Cunha vixencia de 33 meses, o contrato dálle continuidade aos labores realizados xa en 2022 e 2023 nos tres arquipélagos galegos co fin de implementar unha estratexia de conservación sostible dos hábitats de dunas costeiras e de queirogais secos europeos

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2024

A Xunta destinará un total de 129.893,50 euros, IVE incluido, á eliminación de especies exóticas invasoras nas illas Cíes, Ons e Sálvora do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

O contrato para a execución destes traballos, que acaban de adxudicarse e se desenvolverán durante os próximos 33 meses, enmárcanse no chamado LIFE Insular, un proxecto transnacional cofinanciado con fondos europeos no que participan España e Irlanda e que busca acadar a restauración integrada de hábitats insulares do Atlántico.

Concretamente, as actuacións centraranse nas dunas grises fixas e no seu hábitat de contacto para garantir que manteñan un estado de conservación favorable. Para lograr estes obxectivos, a iniciativa prevé executar sobre o terreo unha serie de medidas centradas nos tipos de hábitats insulares 2130 e 4030, correspondentes ás dunas costeiras con vexetación herbácea e aos queirogais secos europeos (brezais).

Ademais, este novo contrato permitirá darlle continuidade aos labores iniciados en 2022 e acometidos tamén durante o ano pasado nos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora sobre a flora terrestre exótica invasora (acacias, margarida africana, etc.) e que inciden de forma moi beneficiosa no estado de conservación dos hábitats antes mencionados.

A tal fin e de aquí a novembro do ano 2026, a adxudicataria terá que ocuparse da realización de accións para a mellora da estrutura e da funcionalidade dos tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control de flora invasora, mediante a aplicación de métodos manuais.

Illas máis resilientes fronte ao cambio climático

Cómpre lembrar que o obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é promover un estado de conservación favorable dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 e localizadas no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación fronte ao cambio climático.

Neste sentido, búscase minimizar a medio e longo prazo o impacto que poden causar as posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación —risco de vendavais, erosión eólica catastrófica...— e buscarase tamén avanzar cara a unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de reverter a situación á que había 70 anos atrás.

En concreto, o LIFE Insular pon o foco de atención sobre oito Zonas de Especial Conservación (ZEC) localizadas en cinco illas que son —ademais das tres galegas xa citadas— La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.

A Universidade de Santiago de Compostela actúa como coordinadora do proxecto, mentres que o Goberno galego, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, se encarga da execución técnica, tal e como se recolle no convenio asinado no ano 2022 entre ambos organismos. Os outros socios participantes son o Organismo Autónomo de Parques Nacionais, por parte española, e o Department of Housing, Local Government and Heritage e o Coillte CGA, pola irlandesa

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2024