A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos do río Mero, no concello de Cambre

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de case 7 quilómetros

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Mero, no concello de Cambre.

Estas intervencións estanse a desenvolver no percorrido deste río, ao seu paso por distintas parroquias deste municipio coruñés.

As actuacións desenvólvense en treitos que suman unha lonxitude total de cases 7 quilómetros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río Mero quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2024