O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións visita o espazo para comprobar os danos provocados pola entrada de auga das últimas choivas

A Xunta anuncia unha actuación de urxencia nas humidades do Panteón de Galegos Ilustres

A medida pretende frear o deterioro deste “símbolo de Galicia” á espera dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio de Santiago

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia actuará de urxencia para frear as humidades que afectan ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, nunha visita ao convento de Santo Domingos de Bonaval para comprobar o seu estado e os danos provocados pola entrada de auga das últimas choivas.

“Este espazo no que descansan algúns dos nosos devanceiros máis ilustres é unha das principais iconas de Galicia xunto co himno, a bandeira e o escudo”, salientou Román Rodríguez. Neste senso, precisou que a obriga de todos é garantir a súa conservación “como símbolo do progreso do pobo galego e de honra á memoria das persoas que máis contribuíron a reafirmar a identidade de Galicia”.

Para conseguilo, a Administración autonómica, a raíz dos últimos temporais, levará a cabo unha actuación de urxencia dirixida a frear o deterioro que está afectando a este monumento no que repousan os restos de galegos sobranceiros como Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e Domingo Fontán á espera dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio de Santiago de Compostela.

Cómpre lembrar que actualmente estase desenvolvendo a Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade co respaldo de diferentes institucións e entidades, na que se contempla a creación da Fundación Pantón de Galegos e Galegas Ilustres. Trátase dunha entidade que estará presidida polo Parlamento de Galicia e que contará coa participación da Xunta, o Concello e a Arquidiocese co fin de velar pola conservación e xestión deste espazo.

Data de actualización: 22/02/2024