Máis de 52.000 euros en axudas da Xunta para a rehabilitación e mellora do equipamento dos CIM da área de influencia de Pontevedra

O delegado visitou esta mañá o CIM de Poio que utilizou os máis de 16.500 euros que lle foron outorgados para adquirir novo mobiliario e equipamento informático

O total do investido en toda Galicia supera os 760.000 euros, dos cales preto de 242.000 foron destinados aos CIM da provincia de Pontevedra

Reguera puxo en valor o importante traballo de acompañamento e asesoramento que se leva a cabo nos Centros de Información á Muller de toda Galicia
 

Poio (Pontevedra), 22 de febreiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, onde tivo a oportunidade de conversar coas traballadoras do centro e de descubrir onde foron investidos os máis de 16.500 euros destinados pola Xunta para a rehabilitación e mellora do equipamento.

Xunto ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, o delegado coñeceu algunhas das iniciativas que se están a levar a cabo neste centro que leva aberto de forma ininterrompida dende o ano 2004 e que utilizou a axuda da Xunta para a adquisición de novo mobiliario e de equipamento informático.

Cabe destacar que esta axuda para a rehabilitación e mellora do equipamento dos CIM conta cun orzamento para toda Galicia que supera os 760.000 euros. Na provincia de Pontevedra investíronse preto de 242.000 euros para estes fins, dos cales máis de 52.000 corresponden a Centros de Información á Muller da área de Influencia de Pontevedra.

O delegado territorial destacou o importante labor que se leva a cabo en todos os Centros de Información á Muller de Galicia “e moi especialmente no de Poio, onde teño constancia que tanto a directora e avogada como a psicóloga atenden a un gran número de mulleres que atopan nestas oficinas o apoio e a axuda que precisan”.

Reguera rematou a visita felicitando aos traballadores do concello e lembrando que “máis alá das axudas que a Xunta ofrece para este tipo de centros, é importante que os traballadores e o persoal dos concellos as solicite de forma correcta. Solo así conseguiremos que os investimentos sirvan para mellorar a experiencia das usuarias deste servizo, que é para o que realmente foron ideados”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2024