A Xunta activa a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro en todo o litoral galego

O fenómeno adverso deixará de forma ocasional ondas de ata 8 metros por mar combinada do noroeste e ventos do oeste de forza 8 e 74 quilómetros por hora

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro en litoral galego.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde esta madrugada ao noroeste da Coruña e na Mariña lucense e estenderase a primeiras horas da xornada de mañá ao oeste do litoral coruñés con mar combinada do noroeste e ondas de ata 8 metros e ocasionalmente con ventos de forza 8 e ata 74 quilómetros por hora. Ademais, a medida que avance o día o nivel de alerta laranxa afectará tamén ao suroeste da Coruña e á provincia de Pontevedra, tanto ás Rías Baixas como á zona do Miño.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2024