A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa, María Loureiro, e coa deputada provincial, Pilar García

A Xunta presenta ao Concello de Viveiro e á Deputación de Lugo o proxecto para reducir o risco de inundacións en Xunqueira e ofrécese a financiar o 60 % das obras

As actuacións previstas no proxecto supoñen un investimento de 984.000 € e teñen un prazo de execución de 8 meses

A Xunta traslada a súa disposición de achegar o financiamento maioritario, 600.000 €, debendo o Concello e a Deputación asumir o importe restante

Augas de Galicia eleva a súa implicación nesta actuación, que inicialmente se prevía custear a partes iguais entre as tres administracións, achegando cada unha 1/3

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia presentoulle hoxe ao Concello de Viveiro e á Deputación Provincial de Lugo o proxecto construtivo das actuacións encamiñadas a reducir o risco de inundación no núcleo de Xunqueira e trasladou a súa disposición a financiar as obras nun 60 %.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo esta mañá un encontro de traballo coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e coa deputada provincial Pilar García, co obxectivo de expoñer o contido do proxecto elaborado pola Xunta e cofinanciado polas tres administracións.

Na xuntanza, os técnicos de Augas de Galicia explicaron os detalles construtivos das solucións previstas nos distintos puntos da zona co obxectivo de reducir o risco de inundacións en Xunqueira como consecuencia do río Fontecova, procurando, en todos os casos, incrementar a súa capacidade hidráulica.

A redacción dese proxecto desenvolve o convenio asinado por Augas de Galicia, o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo para cofinanciar a elaboración dun proxecto sobre as actuacións necesarias para minorar o risco de inundación asociado ao río Fontecova, identificada como unha área de risco de especial potencial significativo.

Antes de iniciar a redacción do proxecto, Augas de Galicia elaborou un plan específico para a xestión do risco nese ámbito, no que se analizaron todos os condicionantes existentes na zona e se cuantificou o perigo de enchente asociado aos diferentes escenarios de chuvia posibles. A partir de aí, sinaláronse medidas para reducir ese risco, tanto no plano da prevención e da preparación como de protección, o que require intervencións estruturais.

Foi ese estudo previo o que permitiu analizar os diferentes tipos de solución construtiva para cada un dos eidos nos que se determinou necesario actuar, tendo en conta na avaliación criterios de eficacia, eficiencia e socioambientais.

A través do proxecto elaborado por Augas de Galicia e cofinanciado polas outras dúas administracións, deuse un paso máis, coa definición a nivel construtivo desas medidas estruturais necesarias que hoxe se presentaron en Viveiro.

O proxecto presentado ten un orzamento total de 984.000 € e un prazo de execución de 8 meses.

Na xuntanza de hoxe, a directora de Augas de Galicia trasladou a disposición da Xunta de achegar o financiamento maioritario das obras 600.000 €, de forma que o Concello e a Deputación Provincial deberán asumir o importe restante.

A Administración autonómica eleva así de forma considerable a súa implicación co impulso desta actuación, que inicialmente estaba previsto custear a partes iguais entre as tres administracións, achegando un terzo cada unha, seguindo o mesmo esquema acordado para financiar a redacción do proxecto.

 

Data de actualización: 20/02/2024